Estragos

Manuel Nanín

RELATOS DE VERÁN

17 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Gústame cando as cousas se estragan. Hai algo nesa descomposición que me fai sentir libre.

Cando unha roda se pincha. Un tren se queda parado. Ou cando o mal tempo provoca todo tipo de retrasos. Sempre que acontece algo así, semella como se a terra deixase de xirar como se supón que o debería de facer. Iso fai que me sinta como un cativo. Curioso.

Ao mesmo tempo que confuso. Pois nunca sabes que pasará a continuación. Facendo que por un instante, non me sinta responsable de nada. O único que teño que facer, por unha simple e sinxela razón lóxica de supervivencia, é reaccionar.

Ata que o tempo volva a ese leito que todos entendemos como normal. E tamén ata que a responsabilidade se presente como un golpe baixo na boca do estómago. Incluso ás veces gustaríame que o estrago fose aínda máis forte. Máis grave.

Calquera desastre que detivera a inercia do cotián por un momento. Pois teño a sensación de que ante certos acontecementos é cando realmente chegamos a ser conscientes das oportunidades perdidas.

Unha catástrofe que chega de improviso pode ser un alivio. Sempre e cando non sexas ti quen a provoque...