O meu cadro

Carmen Sánchez

RELATOS DE VERÁN

18 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabía que tiña que pintar un cadro. Escollín o lenzo que mellor me pareceu: branco impoluto e unhas dimensións considerables para que tiveran cabida un montón de cousas. No meu cadro —que pintei nun día de sol— había sorrintes cariñas de nenos que berraban de felicidade ao rechouchío da vida. Había árbores grandes, frondosas e poderosas que daban acubillo a quen se quixera meter debaixo delas e tamén letras que formaban fermosas cancións e bailaban ao son da ledicia máis absoluta.

Cando case estaba rematando apareceron as nubes e fenderon o sol pola metade. Comezaron a chorar con dolorosos laios de auga e fíxose a escuridade. Quíxenme protexer debaixo das árbores pero cheguei tarde. Quixen levar comigo os sorrisos dos nenos e non fun quen de collelos a tempo. Afinei o oído para escoitar as cancións e salvar as súas letras pero foron esvaecéndose pouco a pouco. Xa non fun capaz de sentir a música. Daquilo todo só quedei eu, cun pincel na man. As cores borráronse e todo se transformou nunha mesta néboa que parecía aniquilalo todo. Decidín apartarme, pois tiña medo de desaparecer eu tamén.

O tempo pasou, non sabería dicir se de maneira rápida ou máis ben pausada. Tiven que agardar a que houbera outro día bo para volver a pintar un cadro así. Empecei a facelo, pero tendo en conta que se as nubes aparecen, soprarei ben forte dende o fondo da miña alma para que se vaian e o sol volva a brillar sobre o meu cadro e nada, nada conseguirá estragar a obra da miña vida, pois teño o mellor pincel e as cores máis fermosas.