
O servizo, de carácter gratuíto, permite contar con 3 xigas de capacidade e ter un correo electrónico tipo gmail pero rematado @omeu.gal
13 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O 14 de xuño do ano 2013 Galicia tivo por vez primeira un dominio propio, o .gal. Dende entón, rexistráronse uns 7.400 dominios e institucións como a Xunta e as universidades contan xa con enderezos web e de correo electrónico con dominio netamente galego. Era cuestión de tempo que a poboación tivera tamén acceso a un correo electrónico en galego. E xa é posible.
Dende finais de xullo está en funcionamento omeu.gal, un cliente de correo electrónico en lingua galega que permite, completamente de balde, contar cun enderezo electrónico con dominio .gal. «Pódese ter un correo tipo gmail pero con omeu.gal», explica Álvaro Fontenla, CEO de Raiola Networks e que colaborou coa asociación PuntoGal para poñer en marcha este proxecto. É dicir, o usuario «pode facer todo o que podería facer con outro tipo de correo», di Fontenla.
Omeu.gal permite rexistrarse en poucos minutos proporcionando unha serie de datos básicos do usuario e comezar a usar o correo electrónico, que conta cunha capacidade de 3 xigas. O único requisito que esixe o cliente é que se utilice como mínimo unha vez cada tres meses para aproveitar o espazo que se ofrece.
Omeu.gal está aloxado nos servidores de Raiola e baseado nunha interface de fonte aberta en continua revisión e mellora. Este novo cliente de correo electrónico está completamente en galego, incluído o sistema de axuda, e pode utilizarse dende calquera explorador e con acceso seguro SSL.
«Esta é unha vella e recorrente demanda dos clientes de PuntoGal e forma parte do compromiso do dominio coa sociedade galega e o seu idioma», afirmaba Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, na presentación de Omeu.gal.
«O noso obxectivo sempre foi ofrecer un servizo de calidade e adaptado aos cambios do sector e ás necesidades dos nosos clientes, e poder dispoñer dun servizo de correo propio e en galego é algo totalmente indispensable para calquera negocio», subliña Álvaro Fontenla.
Omeu.gal é a primeira colaboración entre PuntoGal e Raiola e é un traballo en proceso, xa que o proxecto continuará medrando. Está previsto que se lance unha versión premium desde produto, que será de paho, e que contará con diversas características extra, como a vinculación dun dominio propio ou contar cunha capacidade ampliada de 10 xigas. Tamén está en estudo o lanzamento doutros productos e servizos dentro dunha colaboración entre ambas entidades estable e no longo prazo.
Foi no ano 2013 e despois dun longo proceso no que colaboraron persoas voluntarias e foi apoiaido por ducias de entidades e miles de personas que asinaron polo dominio, así como as administracións e os actores políticos do país, cando Galicia comezou a ter un dominio propio en internet, o .gal.
O primeiro dominio que se activou, de tipo simbólico e técnico, foi nic.gal, unha páxina que aínda está en funcionamento e que redirixe redirixe ao website do dominio, foi o inicio da transferencia efectiva da xestión do rexistro, efectuada en abril do 2014.
En decembro dese ano, activouse a fase aberta, na que comezaron a asignarse as solicitudes por orde de chegada, como acontece en calquera outro dominio. Dende entón, o número de dominios foise incrementando e na actualidade hai uns 7.400. O incremento, segundo salientan en PuntoGal, vén reforzado por unha alta taxa de renovación, o que dá estabilidade e demostra que os nomes son útilespara os seus propietarios.

De feito, as institucións máis importantes do país xa operan dende un dominio .gal, como pode ser a Xunta, o Parlamento de Galicia, as universidades, a Real Academia Galega, entre outras moitas como concellos, organismos profesionais e empresas.
Hoxe, manter e incrementar a presenza do galego na internet é todo un desafío. O dominio das grandes corporacións anglosaxonas tanto nos motores de búsqueda como nas redes sociais impoñen tamén o uso de certas linguas á hora de desenvolverse na vida dixital, malia a que existe unha comunidade galegofalante moi activa no ámbito dixital, especialmente a través das redes sociais.
A irrupción da intelixencia artificial vén supoñer un novo desafío para a lingua galega. Por iso se veñen poñendo en marcha proxectos que dean pulo a unha IA galega, como o proxecto Nós, que ten como obxectivo garantir que a lingua galega participa da revolución tecnolóxica a nivel dos idiomas de máis falantes.
A iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, baseados en intelixencia artificial e en tecnoloxías da linguaxe, que serán gratuítos e en código aberto de forma que poidan ser utilizados tanto por empresas como por institucións.
Por exemplo, a través do proxecto Nós xerarase un sintetizador de voz para que terceiros poidan incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego, e tamén un recoñecedor de fala que posibilite a interacción persoa-máquina e os subtítulos automáticos.
O proxecto Nós tamén porá en marcha un xerador de lingua natural que converterá datos estruturados en oracións en galego, tanto escritas coma orais, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral que poderá ser adaptado a dominios específicos de terceiros e un sistema de resposta a preguntas feitas polos usuarios, tanto a través de texto coma de voz.
Tamén prevé contar con un motor de tradución automática de e a diversas linguas que permitirá a entrada textual ou por voz e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica ou gramatical.