A nostalxia que fai futuro

Concha Pino

SANTIAGO

Álvarez Areces e outros catro universitarios lembraron a súa vivencia das mobilizacións do 68 en Compostela

26 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Mirar cara atrás é necesario para ler o futuro. O actual presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, pechou as quendas de intevencións da mesa redonda que se celebrou no marco da exposición (prorrogada ata o 3 de abril) Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós. As mobilización estudiantís en Compostela do 68 , afirmando que «lo que pasó (naquelas mobilizacións) es la base de lo que está sucediendo». E aínda engadiu que na vida democrática «nada está conseguido definitivamente, todo es reversible si no seguimos luchando, y el 68 hay que verlo no solo con nostalgia sino como algo que nos unió a todos».

Ante un auditorio que ateigaba o salón de actos da Facultade de Filosofía, e entre os que se contaban moitos universitarios daquel ano, Álvarez Areces, que foi un destacado líder daquela mobilización, a primeira e a máis longa das que tiveron lugar na Universidade española en 1968, contou que veu dar a Compostela por casualidade en 1966, cando xa tiña rematado os estudos de perito industrial e cumprira co servizo militar. Pero tamén chegou cunha bagaxe política, sendo militante do PC e despois de ter participado nas folgas dos mineiros asturianos do 62-63. Lembrou que as mobilizacións na Universidade de Santiago foron un detonante que irradiou a toda a sociedade galega.

Na mesa estaban tamén Cermen Beltrán, Fermín Bouza, Xosé María Méndez Doménech e Xesús Sanxuás, que falaron en cada caso das súas experiencias persoais naqueles anos cruciais e a súa participación naquel movemento estudiantil que foi capaz de mobilizar as aulas, as conciencias e a sociedade. Doménech foi o primeiro en falar e reivindicou que a Universidade de Santiago levante oficialmente e para que conste para a historia, as sancións que lles impuxeron tralos conflitos de marzo do 68 a vintetantos universitarios composteláns, que lles impedía pisar calquera recinto da universidade, se ben podían presentarse aos exames. «Catro dos que estamos neste mesa estamos neste acto de facto , pero non de iure ».

Sanxuás fixo un interesante percorrido polos acontecementos previos ao 68 tanto a nivel internacional como en Galicia, neste caso tan significativos como o rexurdir do nacionalismo, o primeiro certame de teatro galego, o nacemento dos partidos políticos e a loita contra o encoro de Castrelo de Miño. Conclueu que el librou unha loita ideoloxica moi forte naquel 68, porque lle tiraban moito os do PC, pero non defendían o galego, «aínda que eles falabano». E decantouse por entrar na UPG.

Fermín Bouza fixo unha análise sociolóxica e logo de lembrar algunha anécdota dixo que máis que radicais «eramos un pouco pragmáticos e todos obedeciamos a Vicente, a cabeza que templaba aquel movemento», que segundo el conseguiu deixar ao franquismo sen alternativas. Reclamou un estudo que recoñeza o traballo de tanta xente entre, a que están os cadros que motivaron ao ensino medio.

Carmen Beltran foi tan sinceira e persoal que recoñeceu que ela transformouse naqueles anos, nos que pasou de ser «unha boa chica de dereitas a unha rojilla, que hoxe non milita pero é de esquerdas», e que se volcou emocionalmente nas mobilizacións.