Marcouna ter un pai relevante, pero di que lle está agradecida pola educación e o ambiente de privilexio no que se criou
29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A vida de Teresa García-Sabell Tormo ten na Rúa Nova unha arteria fundamental. Naceu no número 15 de rúa Xelmírez, na casa que lle serve de frontal á Rúa Nova, o primeiro que ve se se asoma a galería ou cando sae polo portal. Por iso elixiu este lugar, «aínda que podían ser moitos sitios marabillosos desta cidade na que vivín sempre (con parénteses para estudar tres anos a especialidade de Filoloxía Francesa en Madrid e dous en Vigo de recen casada), en especial a Alameda, porque estudei no instituto Rosalía e está moi ligada á miña adolescencia, mesmo porque os rapaces ían ao instituto masculino e a Alameda era o punto de encontro».
Naceu na posguerra, «cando aínda eran obrigados os cupóns de racionamento», nunha época na que non entendía «por que se coa avoa escoitabamos a radio todos xuntos, o meu pai (Domingo García Sabell) se pechaba nun cuarto para escoitala e non se podía dicir que o facía». Domingo García-Sabell tiña a consulta no primeiro piso, e Teresa lembra que os paisanos aproveitaban que viñan á feira para ir ao médico, «e ataban a vaca, o porco ou outro animal no portal da nosa casa, por iso a vida e os cambios nesta rúa representan para min os da cidade».
O número 15 de Xelmírez forma parte da historia do galeguismo cultural e político, porque no cuarto piso deste fermoso edificio que fai esquina coa Conga viviu ate va súa morte Ramón Piñeiro, o intelectual que como lembra Teresa García-Sabell «formaba un tándem perfecto co meu pai, porque era o que pensaba, o cerebro de todas as iniciativas que puxeron en marcha e o que temperaba as cousas». A casa de Ramón Piñeiro e Isabel era como a segunda casa de Teresa, e a dos García Sabell a dos Piñeiro. Cando os pais de Teresa se trasladaron a vivir a un chalé da Rosaleda, «Ramón viña á casa todas as tardes». E non só el. Naquela casa naceron proxectos como a creación de Galaxia «ou estratexias para que entraran na Real Academia Galega Fernández del Riego e outros galeguistas, co meu pai na presidencia como cabeza de ponte». As tertulias da Rosaleda son históricas. Alí coñeceu e tratou Teresa a persoeiros da Xeración Nós como Otero Pedrayo e a escritores como Ánxel Fole «que cando viña a Santiago quedaba na casa unha semana», ao mecenas Álvaro Gil e tantos outros, ademais da veciñanza e amizade con Fermín Penzol «sen cuxa xenerosidade Galaxia non tería existido». Teresa anda reunindo os papeis do seu pai «e matino na idea de recuperar vivencias e cousas que nunca saíron á luz ou que non foron como se pensa ou se ten dito».
A Teresa marcouna ter un pai relevante e significado como García-Sabell. O da súa casa era un ámbito culto, crítico e comprometido, «cun pai que nos pedía a min e a miña irmá que pensaramos por nos mesmas e que sempre me deixou facer o que me deu a gaña. Sempre nos deu responsabilidade e autonomía advertíndonos: «O que fagas pódese volver contra ti, pero sempre terás o meu apoio». Nunca nos puxo cortapisas, nin sequera polo feito de ser mulleres. Cando rematei o bacharelato, con 17 anos, deixoume ir a Francia».
Esa educación e ambiente de privilexio foi significativo cos libros. «Marina Mayoral (a escritora é unha gran amiga de Teresa dende que foron compañeiras na Universidade) aínda mo recordou hai pouco, porque viña estudar á miña casa, na que había libros que non tiñamos na biblioteca da facultade naquel momento», rememora a catedrática compostelá, que tamén conta que tivo a vantaxe «de que no instituto xa lera toda a obra de Lorca, porque fun sempre unha lectora impulsiva». Por iso e tantas cousas di que sempre lle estará agradecida ao seu pai polas vantaxes que tivo, pero recoñece un lado negativo, «porque tamén sempre me xulgaron por meu pai, sempre fun a filla de García Sabell, e hai un momento que doe e pensas que tes dereito a ter unha vida, unha opinión propia. Hoxe porque xa non está, senón dirían que o que digo é porque mo dixo el». Subliña que no único que avantaxou ao seu proxenitor foi que ela chegou a catedrática de Universidade, «pero porque el foi expedientado por ser presidente da FUE cando xa tiña asinada a oposición para a cátedra de Medicina, e ninguén dubidaba que a ía sacar. Quedoulle ese trauma, pero negouse a que lla deran coa democracia cando restituíron nos postos a outros expedientados polo franquismo».
Asegura que cando entrou na política municipal xa superara «a sensación dun pai importante que afoga, era unha etapa de contraste de pareceres con el». Foi concelleira compostelá formando parte da candidatura socialista encabezada por Sánchez Bugallo dúas lexislaturas, do 1999 ao 2007. E seu pai non coñece a decisión que tomara «ate o día antes de que saíra nos xornais, porque non llo dixen a ninguén». Lembra eses anos con cariño, «porque foi unha etapa moi bonita e que me interesou moito, porque me tocou a capitalidade, un Xacobeo... Pero é duro, porque nunca acabas de facer aquilo que queres, e acaba queimando».