Fotógrafo autodidacta cunha tenacidade que se explica nun fondista, é un corredor de trayectoria que segue activo
21 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Tino Martínez gústalle a súa cidade por enriba de calquera outra, pero asegura que non é un fanático, «porque Compostela ten cousas rabiosamente fermosas e un montón delas indesexables, pero é unha cidade que o resiste todo, incluso a masificación de turistas e peregrinos». Coñece ben cada recuncho do casco vello, «dunha maneira incrible», porque cando era ben pequeno, con cinco ou seis aniños, ía coa súa aboa, mamá Inés, para axudarlle a levantar os fardos de xornais que ela repartía de madrugada, un labor que non tardou en facer el só. Despois aprendeu a amar a súa arquitectura, a arte en pedra de rúas e prazas que leva fotografando dende hai décadas e que inmortalizou nunha incríbel serie de nocturnos.
Asegura que con toda a precariedade que había nos anos 40 e 50, «a xente era mil veces mellor que agora, máis solidaria, comunicativa e mesmo educada». E malia que a evolución da sociedade e das condicións de vida son incuestionables, lembra cun sorriso cheo de tenrura a paisaxe humana que coñeceu cando de rapaz pasaba moitas horas no desaparecido edificio Castromil, onde tiña que recoller os fardos dos xornais. Aquela estación era un fervedoiro de actividade na que confluían maleteiros, taxistas, condutores de autobuses, mozos de hoteis, vendedores de lotería, de prensa e moreas de viaxeiros que converxían na zona que daquela era o auténtico corazón de Compostela.
Tino fala da súa infancia no seu barrio compostelán como dun universo de afectos de boa veciñanza, coa xente facendo tertulia nas prazas, alegres e dispostos para as festas patronais malia as moitas carencias naqueles anos especialmente difíciles. Naceu na Costa Nova e el era o maior de dez irmáns, «así que non puiden satisfacer as miñas ansias de aprender e de formarse, porque non era posible». Educouse cos xesuítas, «entre os que tiña moi bo cartel, e apoiábanme para ingresar na orde e irme a Comillas, e teríao feito se non fora que meus pais dixeron que nin falar, porque había que traballar e máis sendo o maior». Convén que foi unha sorte, «porque aquela vocación era circunstancial, e teríame secularizado». Tamén soñou con ser médico, a raíz duns traballos que realizou na Facultade cando era apenas un adolescente e empezaba no mundo da fotografía «por casualidade» no ano 58, cando só tiña 14 anos, e cunha persoa «que non quero nomear para ben nin para mal, porque aquilo era explotación, de mal trato». De alí pasou a Bermejo, no departamento de fotografía, e alí estivo ate que abriu o seu propio negocio na Rúa Nova, hai case dúas décadas, un establecemento especializado polo que pasan traballos de afeccionados e profesionais. Tanto é así que Tino di que non vai a exposicións de fotografía «porque case todas pasaron polas miñas mans».
O gran fotógrafo que é Tino Martínez forxouse paso a paso, un autodidacta que conta que cando cumpriu co servizo militar «propúxenme que facer, porque sabía o que quería, pero non tiña posibilidades, así que me puxen a mercar libros cando non tiña cartos para comer, e con 26 ou 27 anos empecei a ver as cousas e metinme de cheo, dedicando de 12 a 14 diarias do día a traballar e o resto á familia e ao deporte». Porque é un atleta que corre dende os 15 anos, «un corredor de fondo a nivel físico e mental, porque nunca me gustou asociarme». Aínda corre, e ate hai un ano facía 30 quilómetros cada domingo. Os trofeos que atesoura na súa casa dan conta da súa traxectoria de fondista. Incluso fixo o Camiño de Santiago no ano 92, formando parte dun equipo de 10 corredores que realizaron o traxecto dende Roncesvalles en 43 horas, por relevos.
A tenacidade é tamén a súa máxima como fotógrafo, como artista, unha palabra que non gusta usar, dende que mercou a primeira gran cámara, a Hasselblad que trae consigo para a fotografía, que mercou no ano 1972 cun crédito, «o primeiro que pedín, porque a cámara e os obxectivos custáronme 900.000 pesetas, un capital daquela para min». Ten outra Hasselblad e como outras dez cámaras máis coas que traballa habitualmente, aínda que a colección de analóxicas que conserva en perfecto estado non acerta a enumerala.
Nesa carreira de fondo fotográfica empezou no 1968 coa súa gran serie antropolóxica. Ía os domingos a festas e romarías, e mantívose fiel a catro de gran tradición e que seguen vivas como as do Nazareno, o Corpiño, Santa Marta de Ribarteme e Amil, ademais de ir esporadicamente a outros puntos de gran devoción popular como San Andrés de Teixido. Só desta serie conserva entre 18.000 e 20.000 negativos. Os montes tamén os ten pateado na procura de imaxes antromorfas.
Algúns negativos menos forman a serie de nocturnos da arquitectura compostelá. Son fotos calculadas e milimetradas en todos os aspectos, pezas únicas que só fai cando choveu e en sitios elixidos «porque aprendín que cun nocturno non se pode saír coa cámara a ver que encontras, ten que ser buscado previamente, e se todo está ben fago un bocexo, ou unha foto coa Polaroid, para volver cando sexa o momento adecuado, porque son exposicións de ate dúas horas». En moitos casos ate limpa o chan «de pipas, colillas...», e hai lugares nos que tivo que desistir polo abandono, cableados ou alumeados imposibles.