«Pinto series diferentes á vez porque se me canso dunha traballo noutra»

C.?P.

SANTIAGO

11 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O pintor compostelán Rafael Romero Masiá expón na galería Metro, no 24 da Rúa Nova, unha selección de 27 cadros que realizou nos últimos tres anos, case os mesmos que levaba sen colgar a súa obra na cidade.

-¿Que propostas presenta?

-Son cadros de tres series distintas, pero que teñen en común o estilo abstracto. Están feitas con técnica mixta sobre papel, en pranchas de metacrilato e sobre lenzo.

-¿Por que adoita traballar series?

-Cambio moito de tema e mesmo de estilo, aínda que a expresión abstracta é a máis habitual. E por iso fago series, varias á vez e diferentes, porque se me canso ou sinto que non teño nada que aportar e empeza a ser repetitivo o que fago, deixo esa serie e traballo noutra.

-¿En que elementos se recoñece o seu estilo?

-Se cadra nunha certa poética de figuración abstracta. E nas cores, nas que predominan os grises a os terras, aínda que na serie de metacrilatos hai un colorido más vivo que nunca, posiblemente polo xogo de manchas abstractas.

-¿Non depender da pintura para vivir dálle maior liberdade?

-Si, unha grande liberdade creadora. Son profesor de debuxo dende hai 30 anos, así que non pinto para vivir. Hoxe hai moitos pintores, moito de todo, en realidade, pero son poucos artistas os que viven da súa arte, só as superfiguras.