O académico Víctor Freixanes gabou a «intelixente» estratexia editora de Ramón Piñeiro en Galaxia

SANTIAGO

26 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O actual director xeral de Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, destacou onte en Lugo o extraordinario labor que desenvolveu no seu día Ramón Piñeiro (Láncara, 1915-Santiago, 1990) como director literario da histórica editorial, creada o 25 de xullo de 1950 en Compostela por figuras como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Otero Pedrayo.

A reconstrución da tradición cultural do galeguismo anterior á Guerra Civil e o fomento do prestixio intelectual da cultura galega máis alá do folclorismo, en ámbitos como o ensaio ou a filosofía e «deitando pontes co exilio»; así como a conexión con autores novos, formaron parte da «intelixente» estratexia editora de Piñeiro, segundo explicou o xornalista e membro da Real Academia Galega. Fíxoo na terceira xornada dun foro que organizan a Deputación e a Fundación Carlos Casares en torno á figura do intelectual e activista, que será homenaxeado o 17 de maio, no Día das Letras Galegas.

Freixanes gabou o «vizoso catálogo» de publicacións da primeira década de Galaxia, e que continúa «enriquecéndose». Daquel tempo datan edicións de: Os vellos non deben namorarse , de Castelao; Antífona ou Samos , de Ramón Cabanillas; Á lus do candil , de Ánxel Fole; o Diccionario enciclopédico , de Eladio Rodríguez, ou Percival e outras historias , de Ferrín. En palabras de Freixanes, «a teimosía» do de Láncara logrou recuperar «para o galego» a autores como Álvaro Cunqueiro ( Merlín e familia ou Escola de menciñeiros ) ou Celestino Fernández de la Vega ( O segredo do humor ). Con este último traduciu ao galego obras de prestixio internacional, como Da esencia da verdade , de Martin Heidegger, ou o Cancioneiro da poesía céltiga , de Pokorny.

Co estímulo de intelectuais como Ramón Piñeiro, Galaxia converteuse «nunha plataforma cultural» para que florecesen iniciativas como a revista Grial , que que non puido ver a luz ata 1963, cando o Ministerio de Información puxo fin á prohibición que impedía a súa publicación.