A Nasa como se ve e como a ven

M. Beceiro

SANTIAGO

Unhas 300 persoas, entre traballadores e público da sala, participaron no acto ridiculista polas acusacións de terrorismo

28 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Nenos contentos de saír nas fotos e na tele, con pistola de xoguete e sen pistola, artistas, moitos artistas, con malas e boas artes de sementar risas e shows terroríficos, xentalla do teatro no seu día universal armada dun Manifesto, técnicos sorprendentemente desarmados e deseletrizados, algún poeta coa súa arma de futuro, algún político sen a arma do seu zapato e moitos turistas armados cámara en ristre formaron onte parte do elenco de 300 figurantes do acto «ridiculista» convocado pola Sala Nasa na Praza do Obradoiro. Con el quixo amosar, a cara descuberta e cuberta, a dobre imaxe coa que se lles retrata e como son realmente, tanto aos seus 19 traballadores como aos «tripulantes» que forman habitualmente parte do espazo dea rúa San Lourenzo.

«Queremos saír á rúa e reivindicar, no Día Mundial do Teatro, como di Augusto Boal, o director de teatro brasileiro que fixo o Manifesto este ano, que o teatro non é só cousa de xente de teatro, que a cultura non é só cousa dos profesionais do teatro senón que é parte da sociedade, que o teatro é unha forma de vida». O responsable de programación da sala compostelá comentaba pouco antes do acto que decidiran saír á rúa para amosar que «cando se ataca á Nasa non só se ataca pois a Xesús Ron ou Miguel de Lira, que é o de menos, senón que se está atacando a un montón de xente, algunha da cal traballa, é actor ou músico ou simplemente usuario dun teatro».

Esa é a razón pola que, segundo Ron, as 300 persoas ían a proceder a sacar un par de fotos diante do Pazo de Raxoi: «unha é como nos pintan, que é como terroristas, e outra a cara descuberta, cos nosos nomes e apelidos dicindo aquí estamos, somos os que somos e non temos nada que esconder». A idea, segundo o actor e programador da Nasa, «é facerlla chegar a esta xente para que nos teña perfectamente identificados se é que quere emprender accións doutro tipo contra nós». A xente á que se refire Ron non e outra máis que o PP de Santiago e o seu líder municipal, Gerardo Conde Roa, que lanzou acusacións contra a Nasa de apoloxía do terrorismo en varias ocasións. Ron comentou que non entra no ánimo da sala «xudicializar este caso», pero que «se segue o mesmo ton de insultos e acusacións infundadas, iniciaranse os procesos normais, que será basicamente ir polo civil e se continúa ir pola vía penal».