
Di que o seu equipo representa ideoloxicamente a pluralidade da USC
09 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Antonio López Díaz (Barreiros, Lugo, 1964) é un equilibrista. Na mesma frase é capaz de certificar a mala saúde económica da Universidade de Santiago e falar de ilusionar á súa comunidade. «Eu confío na USC, por iso me presento a reitor».
-Supoñamos que gaña as eleccións, chega a San Xerome e senta no despacho. ¿Que fará?
-Completar o equipo de goberno coa Xerencia e deseñar uns orzamentos de xeito inmediato.
-¿A que exreitor chamaría para pedir consello: Pajares, Villares, Villanueva, Barro, Casares...?
-Chamaría ao que foi o meu reitor, Darío Villanueva -López foi vicerreitor nesa etapa-, ou a Ramón Villares, pero para min todos teñen moito valor e sei que todos axudarían.
-Oriente aos despistados e póñase vostede mesmo unha etiqueta ideolóxica.
-A nosa candidatura ten xente de diferentes sensibilidades, políticas e ideolóxicas, que proceden de distintas plataformas universitarias, polo que representamos a pluralidade da institución.
-¿Por que cre que lle atribúen ao seu equipo o disputado voto nacionalista?
-Non o sei. Sei que hai xente que estivo en Universidade Aberta que agora me dá o seu apoio. Benvidos sexan eses votos, igual que o son os de xente que estivo noutras plataformas de distinto signo.
-¿Parécelle normal o que aconteceu nos Claustros dos últimos anos?
-Non. A USC ten un conxunto de órganos colexiados e de goberno que necesitan consensos para funcionar. Nestes anos a capacidade de chegar a acordos non se acadou, e penso que as culpas están repartidas, porque os que facían oposición tampouco colaboraron.
-Como hipotético reitor e xestor económico da Universidade, ¿espera algunha sorpresa desagradable nas contas?
-Non. A cousas están tan complicadas como claras. Aí está a auditoría económica e non espero sorpresas.
-Quere marcar diferenzas con Casares, pero coma el, tampouco terá moitos cartos.
-A chave é refinanciar a débeda para non ter que afrontar cos nosos recursos ordinarios as cotas de amortización que cheguen nos próximos anos, porque son moi elevadas.
-¿Garante os pagos ao día e o emprego dos máis débiles?
-Imos ter tensións de tesourería, pero serán superables. En canto ao emprego, podemos facer fronte ao cadro de persoal se liberamos recursos cos que agora se está a pagar a débeda.
-¿A USC necesita gastar máis cartos en cemento e edificios?
-A Universidade ten que pensar en racionalizar o patrimonio que ten máis que en construír. Empeza a pasar que facemos edificios e non sabemos que facer cos vellos. Hai algún gran proxecto pendente como o de Medicina xunto ao Clínico, a reunificación de Ciencias da Educación ou algunhas infraestruturas no campus de Lugo, pero todo ten un límite.
-O aspecto do Campus Vida é lamentable. ¿Quen é o responsable?
-É certo, está descoidado. A nosa idea é activar os convenios de cesión de espazos públicos co Concello, compromisos que non sempre foron cumpridos.
-Falaba dunha gran Facultade de Medicina. ¿Para toda Galicia?
-Medicina ten prestixio e reputación. O título debe estar en Santiago e non ten sentido outra cousa. Non creo que os cidadáns entendan que nestes intres se fagan máis facultades.
-¿Como imaxina cuantitativamente á USC en dez anos?
-Non é previsible outro bum de universitarios, por iso temos que abrirnos a outros estudantes, en Galicia, España e noutros países, sobre todo na comunidade de fala hispana.
-¿É sostible ter as taxas de matrícula máis baratas de España?
-Paréceme ben que os estudantes galegos, nestes momentos de crise, sexan os que pagan a matrícula máis baixa. O que non está tan ben é que o que soporte o custe desta política social sexan as universidades. Habería que compensar desde as administracións ese esforzo.
-¿Como era a súa relación co seu rival, Juan Viaño, ata hai un mes?
-Boa. Coincidimos como decanos e sempre foi boa no terreo persoal.
-¿E como será o 26 de abril?
-Seguirá todo igual, pero buscarei puntos de encontro con el.
-¿Coa Xunta, man de ferro ou de seda?
-Atoparán no meu goberno a máxima lealdade institucional. Imos trasladarlles problemas, pero tamén solucións, porque os obxectivos son os mesmos.