
O matemático quere modernizar a USC con eficacia e sen traumas
12 abr 2014 . Actualizado a las 00:57 h.juan viaño candidato a Dirixir a Universidade de Santiago
A Juan Viaño (Boqueixón, 1955) vaille a marcha. É catedrático de Matemática Aplicada dende hai 26 anos, nos que foi docente, investigador, concelleiro do seu pobo e xestor a distintos niveis na Universidade de Santiago. Neste tempo foi un dos opositores máis duros de Juan Casares Long, e agora pide con tanta elegancia como firmeza o seu posto.
-Vostede ocupou todo tipo de postos na USC, desde xefe de departamento, decano, ata vicerreitor con Senén Barro. ¿É parte do problema ou trae solucións?
-O que teño é experiencia. Nos últimos anos estiven nos órganos de goberno e sufrín un momento moi difícil para a Universidade. Por iso o noso equipo e o programa baséase na experiencia, queremos poñernos á fronte deses problemas.
-Tivo un papel relevante na oposición a Casares que levou á USC a unha situación de bloqueo, ¿foi excesivo?
-Entendemos que non, sempre tivemos unha man tendida e aportamos solucións. Cando un é reitor ten que ter máis vontade de negociación, e eu a terei. Se non negocio ben recibirei o mesmo trato que Casares, e o terei merecido.
-¿Detecta algunha urxencia?
-Se chego a reitor o primeiro que farei e tomar conciencia da situación económica na que estamos, porque hai cuestións enriba como atender necesidades que poñen en causa o servizo primordial da Universidade, que é a docencia.
-¿Cometeu excesos a Universidade nas vacas gordas?
-Na pasada década houbo unhas oportunidades magníficas para crecer con fondos europeos e xuros moi favorables. A aposta foi interesante, pero ninguén contou coa crise, que está a xerar moitas dificultades.
-Hai edificios novos e modernos e outros que caen a cachos. ¿Faltou equilibrio?
-Deducir que non houbo equilibrio é incorrecto. Ciencias da Educación ou Enfermaría están nunha situación moi mala, pero porque non se aproveitou para modernizalos cando había os fondos. Agora hai necesidades perentorias por non ter previstas estas situacións.
-¿Ten referencias nos anteriores reitores?
-Todos aportaron cousas. Co goberno de Carlos Pajares construíuse a Universidade que hoxe coñecemos; Darío Villanueva trouxo solucións interesantes, e por suposto hai cousas boas do equipo no que eu participei, o de Senén Barro, que impulsou a modernización e a transferencia de coñecemento.
-Agora non hai plataformas ideolóxicas que etiqueten aos candidatos. ¿Por onde anda?
-Sempre pertencín á Plataforma Universitaria Progresista e estiven no entorno socialdemócrata. Tamén fun concelleiro socialista en Boqueixón, porque os veciños pedíronme axuda, e eu sinto moita honra por elo.
-¿Como se levará coa Xunta?
-É necesaria unha canle de entendemento institucional, pero seremos firmes nas reivindicacións e na defensa do servizo público. O que necesitemos o demandaremos con insistencia.
-A mellora da financiación é clave no seu programa. Pero non depende de vostede.
-Pódese convencer aos poderes públicos do necesario dos investimentos na Universidade. Aquí é onde se forma a sociedade do futuro, por iso ter un novo plan de financiamento é unha prioridade. E tamén hai que revisar os criterios de reparto, porque algúns, como a produción científica, penalizan a Santiago por non estar ben valorados. Non teñen en conta nin o tamaño nin as características do cadro de persoal, con moita experiencia e produción científica.
-O seu rival, Antonio López, quere tamén máis financiación, pero renegociando a débeda.
-Tocar a débeda non é unha prioridade. Podemos saír da situación facendo o que mellor sabemos facer.
-Que é...
-O noso programa está baseado no crecemento, en obter ingresos, en gañar máis coa docencia e investigación, a base de internacionalizar, de medrar e de obter máis recursos para saír desta situación.
-¿Santiago debe compartir o título de Medicina?
-Medicina está ben como está. É una titulación emblemática que está funcionando cos recursos clínicos de toda a comunidade galega baixo a responsabilidade da Universidade. Iso non quere dicir que non se poida colaborar en calquera eido.
-Independentemente de quen sexa o reitor, ¿como será o ambiente da Universidade o 26 de abril?
-A USC está nun momento o bastante complicado como para que toda a comunidade traballe para sacala adiante.