O Festigal remata ata a bandeira

jael á. naya / j. c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ESTRELA ALONSO

A feira cultural celebrou o Día de Galicia con dúas exitosas xornadas de festa, actividades e intercambio

26 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Festigal 2014 rematou tras dous días de intercambio cultural e boa festa nos que se superaron tódalas expectativas. A feira galega que a Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova e o BNG organizan tódolos anos no Campus Vida polo Día de Galicia, contou cunha notable participación que aproveitou o delicioso clima do que gozou a capital galega.

Pasado o prato forte do primeiro día coas actuacións de A Quenlla, Sés, Nao e Festicultores Troupe, a proposta da segunda xornada mudaba de escenario para ofrecer o xa habitual café-concerto da man de Grampoder, García MC, Os da Ría e Bouba Pandereteiras, que supliron a última hora a Habelas Hainas como encargadas de comezar as actuacións.

A segunda xornada empezou coa manifestación que rematou nunha ateigada praza da Quintana e que daría paso ao multitudinario xantar que tivo lugar tras o Colexio Maior de Fonseca. Xa pola tarde, a maioría dos festigaleiros deixáronse ver polos postos de artesanía e os das asociacións e organizacións convidadas, antes de acudir á galería das ideas ou á das letras, na que se presentaron libros durante toda a tarde.

Por outra banda, o Festigal tamén serviu de plataforma para a exhibición de deportes tradicionais como a esgrima antiga, a bilarda ou o flamante all-stars de fútbol gaélico galego. O audiovisual tamén contou cun espazo exclusivo no que se proxectaron a curta IES Pazombies, producida e realizada por alumnos do instituto de As Neves, o documental de Filmika Galaica A fazaña da liberdade e a nova serie de Irmandade TV Artemia.