Eduardo Rodríguez Regos, xefe da Policía Local de Ordes, celebrou este martes os vinte e cinco anos de profesión xunto cos seus compañeiros de promoción, nun acto celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada e presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
-Unha data tan relevante pide, antes de nada, unha valoración xeral dos 25 anos.
-En xeral é positiva, Ordes é unha vila tranquila e iso facilita as cousas. Eu entrei a formar parte do corpo case por casualidade. Era vixiante xurado e decateime de que había unha praza vacante. Presenteime e aquí estou. Hai momentos complicados pero síntome satisfeito.
-¿Cal lle vén primeiro á mente cando fala deses momentos más difíciles?
-Os anos máis difíciles foron os fortes da movida ordense. Xuntábanse cada sábado oito ou dez mil persoas, e os efectivos despregados quedaban pequenos para tanta xente. Foi unha época de moitísimos accidentes de tráfico. Lembro especialmente un, a mediados dos noventa, no que morreron tres mozos, todos veciños.
-Vostede é de Ordes. ¿Ser policía local na súa vila natal, é unha vantaxe ou un inconvinte á hora de facer o seu traballo?
-É unha vantaxe desde o punto de vista da información. Coñeces moita xente e resulta doado decatarse de case calquera cousa. Pero ás veces ten o inconvinte de que algunhas persoas, por coñecerte, abusan da confianza.
-¿Cre que os cidadáns valoran como é debido o labor desenvolvido pola Policía Local?
-Ás veces a xente queda co malo. Lembra máis unha denuncia que un momento no lle botaches unha man. Pero é algo que non pasa só en Ordes. O corpo de seguridade máis valorado segundo as estatísticas é a Policía Nacional. A Policía Local e a Garda Civil sempre se asocian máis ás sancións por infraccións no tráfico, e iso pesa moito.
-Tantos anos de servizo dan para moito. Tamén para algunhas anécdotas.
-Recordo a chamada dunha señora, alarmada porque atopara un mozo espido no seu portal. Desprazámonos ao lugar e resultou ser un mariñeiro noruegués. Viñera de festa cuns compañeiros e mentres se bañaba na fonte da alameda, leváronlle a roupa. Nós procurámoslle un chándal e logo de chamar ao porto de Ferrol preguntando se había algún barco noruegués atracado, mandámolo de volta nun taxi.
-Vinte e cinco anos na Policía Local e dezaséis como xefe do corpo? ¿a por outros tantos?
-¡Non! Espero estar os dezasete que me quedan ata a xubilación. Logo haberá que deixar paso a outros.
eduardo rodríguez xefe da policía local de ordes con 25 anos de profesión