Non defraudou. Santa Cecilia, patroa da música, amparou no seu día grande á Banda de Ordes, a pesar de repartir tamén unha boa cantidade de auga ao longo de toda a xornada. Porén, o mal tempo non foi escusa para as máis de cento setenta persoas que se deron cita na carpa instalada no campo da feira, que acudiron puntuais para gozar dunha festa na que non faltou de nada. Nin música. Nin bo xantar. Nin sorpresas.
Nesta ocasión, a Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, organizadora do evento, pretendía agasallar especialmente aos seus socios, logo dunha intensa campaña de captación de apoios desenvolvida ao longo de todo o ano. Así que entre os asistentes podían verse familiares, amigos e antigos compoñentes da formación; pero tamén caras novas, que se decidiron a colaborar activamente coa entidade. Ademais, tampouco faltaron autoridades municipais, tanto do equipo de goberno, encabezado polo rexedor ordense, Manuel Regos, como da oposición.
Contra a unha e media, o son da pólvora daba paso ao concerto da banda, que inauguraba o día cun repertorio do máis variado, evidenciando que unha xota pode casar tan ben cunha muiñeira, coma coa banda sonora dun lexendario western. Ao remate da última peza, á que se uniron as gaitas da agrupación local Os Perrechos, os convidados tomaron asento para repoñer forzas a base de empanada, polbo e carne.
A sobremesa transcorreu ao compás da música de Os Perrechos, e novamente da banda. Mentres tanto, carteira en man, o público apresurábase a adquirir rifas para uns sorteos do máis apetitoso: unha actuación gratuíta da banda na data elixida polo agasallado, dous xamóns, dúas carretas ateigadas de produtos da terra, e dúas cotas anuais de socio. Logo, xa á noitiña, a festa continuou neste caso a cargo do grupo Alborada.
O presidente da Asociación Cultural Amigos da Música, José Manuel Castro, amosouse orgulloso xa que, despois de meses de traballo, «conseguimos repetir o éxito da anterior festividade de Santa Cecilia, celebrada en 2013, na que reunimos a todas as persoas que formaron parte da banda ao longo dos seus vinte e dous anos de historia». Para Fernando Gontad, director da banda, «un día coma este é unha oportunidade para a convivencia, non só entre os músicos, que comparten a afección pola música mantendo unha excelente relación entre eles; senón tamén cos seus familiares e amigos».
Pola súa banda, o alcalde, Manuel Regos, tampouco quixo perder a oportunidade de felicitar á banda por un día que el cualificou de «moi importante». «Quero darlles a noraboa por este día, e pola labor que desenvolven ao longo de todo o ano, porque a música transmite uns valores esenciais tanto para nenos como para mozos», asegurou.
Crónica Ordes reúne a socios, familiares e amigos da agrupación