«O proxecto da estación que nos ofrecen é agora mesmo insultante»

xosé m. cambeiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Preocúpanlle os desfases que poidan suscitar as intervencións na autopista AP-9

19 jul 2015 . Actualizado a las 08:51 h.

Seguro de si mesmo, firme nos seus plantexamentos, Carlos García Cumplido ten claras as necesidades infraestruturais de Compostela e o rol capitalino da cidade. Como portavoz do Foro Cívico alzou a voz para manifestar eses obxectivos.

-¿Evidénciase a capitalidade de Santiago? ¿Respéctase?

-O tema da capitalidade está esvaído. En realidade, poucas veces Santiago aparece en escena como capital se quitamos o 25 de Xullo e as medallas Castelao. Non hai esa presencia pública de Santiago como capital. Iso para min indica que Santiago non está xogando o papel relevante que tiña que xogar e, por outra parte, Galicia tampouco se fai ver. Á capitalidade hai que darlle contido político e contido social.

-¿A estación do AVE en trámite é a que necesita Santiago?

-O da intermodal é un tema agora mesmo un pouco insultante. O documento que o ADIF lle remitiu ao Concello de remodelación da estación é para min como cidadán de Santiago e galego inadmisible. É gastar 15 millóns en modificar as vías e remozar a estación, pero que a condearía no futuro a non ser estación intermodal e a que siga a existir a gran barreira que rompe a cidade. Nós tiñamos un proxecto de estación valorado en 36 millóns que cumpría esas premisas. Sorpréndeme que pareza caro cando a de Ourense se presupostou en 97 millóns, a de A Coruña en 96 e a de Vigo en 120. A de Santiago é a estación máis importante por ser a da capital e a de maior número de viaxeiros. É preferible non facer nada e non tirar os cartos.

-¿É reversible a postura de Madrid?

-Ten que selo. Nin os cartos nin o espazo son do ADIF, senón da cidade de Santiago e dos cidadáns, e o proxecto ten que responder ás necesidades da cidade.

-O aeroporto tampouco acouga.

-Tiñamos en Galicia un aeroporto bo e unos aeroportos auxiliares en Vigo e A Coruña, e en todos eles se fixeron grandes investimentos que non se van amortizar. Santiago segue a manter unha cota aérea de mercado moi importante e a súa eficiencia é moito maior. Os datos están aí. Pero temos tres infraestruturas e seguimos investindo nelas cando nos sobran aeroportos e falta capacidade de decisión para resolver iso. A Galicia chégalle de sobra un aeroporto. Pode ter quizais outro de apoio cun gran custo.

-Eliminar aeroportos provocaría hoxe unha guerra civil.

-Evidentemente, ninguén quere quitar un servizo, pero o cidadán ten que saber que está pagando do seu peto o déficit dunhas infraestruturas infrautilizadas. En Galicia temos metido moitos millóns en contedores valeiros e cun mantemento custoso.

-O proxecto da AP-9 non estaba coordinado co orbital.

-Vexo o asunto complicado. Estanse facendo unhas obras por parte de Audasa e outras por parte de Fomento que non están no mesmo proxecto nin coordinadas. Ao final pode haber desfases e custos maiores. É exixible deter os traballos, rediseñar e axeitar eses proxectos, non para agora senón polo menos para os próximos 25 anos. Ao Foro Cívico isto preocúpalle moito. Os accesos ás autovías e autopistas teñen que facerse de forma directa, de alta capacidade e de maneira rápida.

-Pois a ver o que oferta Madrid.

-O que nos preocupa é que cando empezan as obras non haxa unha transparencia e unha información pública desas intervencións. Os proxectos debían estar colgados en Internet e seren accesibles.