Segundo Pérez: «Unha catedral non é un museo, é un centro de culto e non debemos cobrar»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O déan afronta un novo récord de peregrinos coa incógnita e o desafío de non saber cantos chegarán no vindeiro ano santo

18 sep 2017 . Actualizado a las 00:47 h.

Leva 36 anos en Santiago e síntese moi a gusto, pero Segundo Pérez (Guitiriz, 1948) non esquece as súas orixes. «Non renuncio a elas, atendo a miña parroquia de Buriz (Lugo) desde que morreu o párroco en 1988 e cando vin de cóengo puxen como condición non deixalo. Mañá [por hoxe] vou á misa das doce e media e se me toca aquí a das dez aínda me da tempo de chegar».

-Seguen a vir moitos peregrinos, pero en agosto foi algo nunca visto e houbo que abrir a porta dos Abades. ¿Vaise bater un novo récord?

-Cando hai moita xente o aforo da Catedral quédase pequeno e a porta dos Abades axiliza un pouco, temos que buscar resortes porque o aforo está superado con creces e xa non podemos facer máis, antes había tres misas no altar maior e agora só dúas para deixar paso aos peregrinos. Non é fácil... Aínda así non houbo moitas queixas. Agora xa levamos 15.000 persoas máis que o ano pasado, van en total 230.000 e é o ano con máis xente, o pasado foron 270.000 compostelas e imos bater un novo récord; todos os anos se supera, levamos así desde o 2010, e non sabemos o que vai ser o Ano Santo do 2021.

-¿Cobrar entrada non sería unha solución?

-Unha catedral non é un museo, é un centro de culto e non debemos cobrar, perderíamos o que ten que ser o espírito da igrexa católica, aínda que nos prexudique economicamente. Se cobráramos dous euros de entrada xa non teríamos problemas, pero non o contemplamos, ademais o arcebispo non quere nin oír falar diso. Esta catedral debe de ser a única do mundo que abre desde as sete da mañá ás nove da noite, e tamén a única de Europa onde non se cobra, e non imos cobrar.

-¿E como se sufragan os gastos, logo?

-Temos subvencións e a Oficina do Peregrino sostense porque eles son moi xenerosos, non se lles cobra pero deixan o que queren, aínda que hai que recoñecer que desde o roubo do Códice Calixtino houbo unha baixada nas colectas. A xente pensa que debemos ter dabondo se non sabemos coidar o que temos. Iso non é certo, pero...

-¿Melloraron desde entón as medidas de seguridade? Dígoo tamén pola ameaza terrorista...

-Hai unha empresa interna na Catedral e logo está a policía que vixía as entradas. Penso que a policía en España é moi competente e que o ten todo controlado, é a mellor de Europa. Hai máis controis e moita preocupación, aínda que eu penso que non estamos no punto de mira dos terroristas, Santiago queda moi lonxe e é un lugar pequeno.

-Hai quen di que Santiago, polo seu simbolismo, está no punto de mira, e tamén quen pensa que o Estado Islámico ataca lugares de ocio e non de culto, pero en Barcelona ían atentar contra a Sagrada Familia. ¿Como o ve?

-Isto é un centro de culto e a Sagrada Familia é un lugar turístico. Nós non temos datos que nos fagan pensar que hai unha ameaza en Santiago.

-¿Como van as obras?

-Estarán rematadas para o ano santo, as torres e o Pórtico da Gloria estarán en febreiro e logo empezamos cos tellados, que obrigarán a reducir o aforo do templo; vai ser un ano e pico moi difícil pero son necesarias, nunca se fixera unha revisión tan a fondo.

«Non son só as pezas da familia Franco, hai máis en mans privadas que saíron de aquí»

 

 

Xoán Paulo II visitou a tumba do Apóstolo no ano santo de 1982 -volvería en 1989 para ter un encontro con mozos de todo o mundo-, e Bieito XVI fíxoo no ano santo do 2010.

-¿Estará o papa no ano santo do 2021?

-Véxoo difícil porque este papa vai a países pobres onde hai problemas. Eu díxenllo nunha conversa que tiven con el, e respondeu de broma que iso non dependía del senón de quen lle organiza as viaxes. Teríase que dar unha circunstancia moi especial pero non o creo, e é unha mágoa.

-¿Como van as súas relacións co alcalde?

-Eu co alcalde lévome moi ben aínda que no institucional gustaríame que me fixeran algo máis de caso; os peregrinos protestan moito pola mala sinalización da Catedral e da Oficina de Peregrinos e vai todo moi lento, pero persoalmente teño unha relación cordial, tanto con el como coa concelleira de Cultura.

-Pero non o vai converter á fe...

-Eu respecto a liberdade das persoas e el tamén ten respecto polas crenzas dos católicos e iso é o que importa.

-Noriega vén de facer públicos os documentos que demostran que as pezas do Pórtico da Gloria en poder da familia Franco son propiedade do Concello de Santiago. ¿Pensa que deberían devolvelas?

-Non son só esas, hai máis en mans privadas que saíron de aquí, que sabemos perfectamente que se levaron da Catedral un día e logo se venderon, iso é incontrolable, pero ¡claro que sería bo que as devolveran!

-Coas obras apareceron algunhas esculturas que estaban soterradas. ¿Podería haber máis?

-Seguramente poderían aparecer máis co desenvolvemento das obras. Na Catedral, pero tamén en todo Santiago, se escavas, aparecen cousas.