
O escritor lugués, na casa de García-Sabell en 1956
12 nov 2017 . Actualizado a las 05:03 h.Un dos relatos que máis me teñen seducido dende a primeira vez que o lin é ese que comeza: «Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan ás persoas. E iso non é certo». É un dos grandes contos do lugués Ánxel Fole (1903-1986), ese escritor cuxa prosa foi definida como «popularmente galega e, polo tanto, elegantemente europea». Quen así retratou a súa pluma foi un dos seus grandes amigos, Domingo García-Sabell, con quen aparece nesta imaxe de 1956 no portal da súa casa da Rosaleda. Canda eles, Ramón Piñeiro. A imaxe foi publicada en 1997 no libro O Diccionario de Fole, de Xosé de Cora e aquí a puidemos reproducir dende o orixinal, cedido polos herdeiros de García Sabell.
A relación de Fole con Compostela foi longa, rodeada de boas amizades e múltiples anécdotas. Chegou á cidade no ano 1929 e foi compañeiro de pensión de Álvaro Cunqueiro, nunha hospedaxe que, segundo o biógrafo de Cunqueiro, Armesto Faginas, estaba no número 11 da rúa da Ensinanza. Axiña pechou un círculo de achegados onde estaban o citado García-Sabell (cuxa casa visitaría en numerosas ocasións), Maside, Seoane, Paco del Riego, etc. Ata chegaron a formar un clan. Así llo conta o propio Fole a Carlos Casares no seu libro de Conversas (Galaxia, 1984): «O Clan dos Nerunderem. Iso foi unha cousa que inventou Domingo García-Sabell, cando estaba de moda a película Tabú. Era un grupo simpático e un tanto informal. Cousas de estudantes». ¿Pero qué facían? Pregúntalle Casares: «Nada especial. Un día gastámoslle unha broma a un cura, por exemplo. Pero máis ca nada o que faciamos eran tertulias (...), no reservado do Café Suízo, que daba á Rúa Nova (...). Nalgunha ocasión pasaron por ela personaxes importantes, como Ramón Gómez de la Serna, que viñera dar unha conferencia ó Pavillón da Ferradura e que andaba cun cazabolboretas».
Fole regresaría a Lugo nos días da República onde dirixiu a hoxe histórica revista Yunque. A guerra traumatizouno. Moitas veces agochábase no faiado da casa do poeta Luís Pimentel. Deitábase vestido e cos zapatos postos, co medo a que viñesen por el, relatan os seus biógrafos. Algúns dos seus fantásticos relatos de lobos e lobishomes semellarían hoxe metáforas crueis de aqueles días.
Pasou a posguerra represaliado e retirado polas paisaxes familiares do Incio e Quiroga. E nos anos 50, paseniño, retornaría á vida social. En Lugo e, de novo, tamén, en Compostela. Nesta imaxe de 1956 semellan tres homes relaxados no adro dun chalé. Sobre todo, esa man en pose tan característica de Fole.
Imaxinámolo dicindo «Si, señor!», o seu coñecido retrouso. E así os deixamos, aquí, na Rosaleda, ollándonos dende o fondo do espello do tempo.
«Dous lobos grandísimos fórono acompañando. Iban sempre de par dil, ás dúas maos. (...) Se il se paraba, tamén iles se paraban...».
editor@alvarellos.info