Rubén Cela: «Os gobernos central e autonómico non tratan a Santiago como capital»
SANTIAGO
O portavoz municipal do BNG afirma que a mellor maneira de remunicipalizar a ORA é suprimila tras un acordo previo cos traballadores
26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Rubén Cela é un home lúcido e batallador nun grupo que é chave municipal. Mostra dúbidas serias respecto á súa continuidade como candidato e un ten a impresión de que quizais esta pode ser a penúltima entrevista que lle fai como membro do Concello.
-Como cre que valora a cidadanía a súa xestión?
-É difícil valorar iso. O retorno que tés non sempre é real. Quen che para pola rúa non che di que o estás facendo mal. Pero o que vexo e o que sinto cando ando por Santiago e teño reunións con colectivos, é que se valora a nosa actuación como seria, honesta e rigorosa e sempre favor de Santiago aínda que non sexa o mellor para o BNG. Fiscalizamos a xestión e chegamos a acordos cando son bos para a cidade.
-Acentuarase a intensidade no ano e pico que queda?
-Todas as formacións políticas intensifican o traballo na recta final. Entra dentro do normal e quen diga o contrario mente. No noso caso creo que levamos unha liña moi constante. E creo que non vai haber apenas diferenza.
-Cre, como algún grupo, que as contas serán papel mollado?
-Gustaríame crer que non. Existe o costume de falar moito dos orzamentos e practicamente nada da súa execución. Hai un debate no pleno dos orzamentos, pero non da liquidación. E sen embargo é máis importante a liquidación. Ao veciño interésalle o que se fai. É certo que existe un problema estrutural no Concello á hora de executar un orzamento, pero non é novo. Non se adoptaron medidas para solucionalo e estamos nuns niveis non admisibles. Espero que non sexa papel mollado, pero se me remito á experiencia dos dous últimos anos, non son optimista. Nos nove primeiros meses do 2017 ía executado un 9 %. Hai que reestruturar os departamentos, que non son todos igual de importantes, e estar enriba da actividade administrativa.
-Teimou moito nas concesións sen contrato.
-Denota que hai un problema de funcionamento interno. Se ti sabes que un contrato vence un determinado día, e que é improrrogable, tes que licitalo a tempo. É unha cuestión de previsión. Denota tamén irresponsabilidade porque crea inseguridade xurídica ás concesionarias, aos usuarios e ao Concello. E vulnérase o principio de concorrencia, competitividade e igualdade das empresas. Hai servizos onde non hai escusa: non podes ter unha gardería sen contrato.
-É consciente de que o seu voto dirá si ou non á remunicipalización da grúa e a ORA?
-Si, totalmente. O primeiro debate é o incumprimento dunha sentenza do 2015 que anulaba a adxudicación, e que Compostela Aberta quixo cumprir coa remunicipalización. Iso non é así. Primeiro hai que aplicar a sentenza e logo remunicipalizar. Agora vén o TSXG e determina pagarlle á empresa unha indemnización de 700.000 euros. Non se pode, por outra parte, seguir prestando o servizo da ORA. É inxustificable. Non é esencial. Mentres non hai solución definitiva, vaise remunicipalizar o guindastre. A mellor forma de remunicipalizar a ORA é suprimila tras acadar unha solución previa de recolocación dos traballadores.
-Depuradora, traxedia nacional.
-Preocúpame moito. Sinceramente, creo que se vai perder o financiamento europeo. Oxalá me equivoque. Santiago ten que ter unha nova depuradora, si ou si: pola multa que pode caer, porque o río da capital galega é unha cloaca e porque xurde para tratar unha carga xa superada. O problema é que nos quedan cinco anos para ter dereito aos fondos europeos, e é xustísimo. Se non hai financiamento europeo terán que pagala a escote os veciños de Santiago. Nós aceptamos unha ubicación nova sempre que sexa mellor e non se perdan os fondos. Ás veces hai que asumir desgastes partidarios polo ben da cidade. A peor opción é non facer nada. Eu non andaría tranquilo polas rúas de Santiago se perdo 40 millóns de euros. Logo haberá o debate de quen foi a culpa, pero xa dará igual.
-Cómo valora a relación coas outras administracións?
-Aquí o problema non é tanto de Compostela Aberta como do que pasa con Santiago. Nos últimos seis ou sete anos Santiago perdeu moito peso político. Pero co PP xa. O problema que vexo co Goberno español e co galego é que non tratan a Santiago como capital de Galicia, senón como unha cidade calquera, do montón para abaixo. E se Santiago non é a capital de Galicia é unha cidade de cen mil habitantes. E con esa poboación a algúns ministros xa lles parece desproporcionado o trato: de que vai Santiago, que quere unha intermodal boa. Pero Santiago non é unha cidade calquera, é a capital dun país, patrimonio da humanidade e moitas cousas máis. E ten que ostentar ese trato e ese estatus. O trato que tivo Fraga está a anos luz do que teñen Feijoo e Rajoy, por desgraza, para Santiago.
-Ás veces hai episodios...
Ves cousas de chiquillos cos ministros. A institución está por enriba diso. Non pode ocorrer que veña un ministro e o alcalde non o saiba. Ten que haber un mínimo de lealdade institucional. Paréceme bochornoso o rifirrafe entre Ethel e Duarte: mira chicos, non sexades infantís, hai unha cousa que se chama teléfono. Falade. O trato de antes xa non existe. Desde que Feijoo é presidente en Santiago non houbo nova vivenda pública, nin garderías, nin residencias.
-O transporte, no que puxeron o acento, leva bo camiño?
-A música gústame, a filosofía é boa... Pero hai unha cousa que salta á vista e é que os números non dan. O servizo cústalle catro millóns ao Concello. Se a maiores queres facer bus gratis para menores de 18 anos, ampliación do rural, bonificacións para parados, novas liñas, novos buses,... Dalgún sitio sairá o diñeiro. A ver.
«Sinceramente, creo que se van perder os fondos europeos para a nova depuradora»
«Gústame a filosofía sobre o transporte, pero non sei de onde van saír os cartos»
«Non sei se repetirei como candidato á alcaldía»
Hoxe Compostela Aberta depende en certas propostas do BNG.
-Melloraron, empeoraron ou mantéñense as relacións con Compostela Aberta?
-Creo que se manteñen. Son cordiais no persoal. Eu teño unha relación cordial con todos os membros da corporación, ao marxe da maior ou menor afinidade ideolóxica. Temos unha relación correcta con Compostela Aberta, no persoal e no político.
-Vendo o que din as enquisas, arrepíntese de non entrar en coalición con Compostela Aberta?
-Non, non me arrepinto. Eu creo que o BNG fixo o correcto. Nestes anos o Bloque tivo que tomar decisións complexas en momentos aínda máis complexos. Estou convencido de que o tempo nos deu a razón, e aínda nola dará máis no futuro. E se volvera para atrás volvería a facer o mesmo.
-Cais son as fallas que ve logo en Compostela Aberta?
-Hai dúas etapas. Compostela Aberta empezou mal e o primeiro ano e medio é nefasto. Mentiría se dixera que a situación segue igual. Hai concelleiros que aprenderon neste tempo, que melloraron e lle teñen mellor collido o punto ás concellarías, e hai outros que non. Pero en termos xerais non se cometen as graves deficiencias do primeiro ano. Sen embargo, vexo que Compostela Aberta non ten un modelo definido de cidade, senón que anda a salto de mata. E ten ademais problemas coa xestión ordinaria.
-¿Repetirá como candidato?
-Non o sei.
-¿E esa dúbida?
-O primeiro é que o conxunto da organización, porque estas son decisións colectivas, entenda que son a persoa acaída para encabezar o proxecto de Santiago. E logo hai outra parte que é persoal e intransferible. No plano persoal hai que valorar moitas cousas. É unha decisión complicada. Falta ano e medio para o proceso electoral e isto ímolo resolver nos próximos meses. O horizonte estará despexado antes do verán deste ano tras o pistoletazo de saída deste sábado.
-Impón ser chave en asuntos importantes?
-Exixe un plus de responsabilidade e de maior rigor. Pero é algo que nos veu sobrevido. Aquí hai unha anomalía que mostra un baleiro legal como é que un concelleiro non tome posesión e o grupo non poida facer nada. Non estou de acordo con que as actas sexan das persoas e non das organizacións políticas porque iso leva a situacións indesexables. É terrible que unha soa persoa modifique a vontade popular de 100.000 persoas.