Antón Lopo: «Rompemos cos estereotipos da poesía»

La Voz

SANTIAGO

ALBERTO LÓPEZ

A primeira edición do festival Alguén que Respira! arranca hoxe cun recital e a lectura do manifesto

21 mar 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

As doce da mañá unha salva de foguetes avisará do inicio de Alguén que Respira, a primeira edición do Festival de Poesía para Corpo Principal, que durante catro días reunirá no Teatro Principal a máis de trinta escritores e creadores de diferentes ámbitos. Unha proposta para «darlle visibilidade a Santiago como capital da poesía galega e difundila fóra como berce de Rosalía, e no que a poesía será tratada non só como xeito literario, senón como algo vivo, unha extensión do propio corpo», explica o director artístico desta iniciativa, Antón Lopo. Esta noite, ás 20 horas, no Principal haberá un recital con Andrew McMillan, Olgo Novo, Olvido García Valdés, Salvador García Bodaño, María Sevilla e María Xosé Queizán, encargada de ler o manifesto.

-No encontro van deixar patente que a poesía vai máis alá do feito literario.

-O noso obxectivo é convertelo nunha festa por iso abrimos o encontro cunha sesión de bombas de palenque, queremos estremecer tamén os corazóns. Ademais, nesta primeira xornada, todas as librerías de Santiago entregarán un ramo de flores aos que merquen un libro de poesía.

-Non haberá só recitais, tamén programan videocreacións, espectáculos e incluso unha batalla poética, ¿que perseguen con isto?

-Collemos dous temas centrais. Unha é celebración da oralidade como base nosa. Deste xeito, o xoves celebramos a regueifa e un torneo de competencia a ver quen improvisa mellor poesía. O outro tema é a escrita literaria en espazos en conflitos bélicos, cunha sesión o venres con Miguel Anxo-Murado. O que queremos é dar unha visión interdisciplinar e panorámica da poesía. Creo que a poesía está resistindo moi ben o embate da tecnoloxía porque traballa con algo que nestes momentos, para unha determinada capa da sociedade, é moi importante: a verdade. De todos os xéneros literarios, incluso artísticos, a poesía traballa cun material propio interno que, en certo modo, reivindica a verdade como centro de creación. De aí que tanta xente volva a poesía como unha especie de lévedo no que fermentar a realidade e que esta se amose dun xeito real.

-Nesta primeira edición hai escritores e creadores moi heteroxéneos.

-Quixemos romper a visión da poesía como algo que está estritamente medida ou relacionado cun son, romper os estereotipos de que a poesía é unha cuestión moi elevada e ofrecer un abano para que o Teatro Principal e a poesía sexan un lugar de encontro comunal: o recoñecemento da poesía como espazo plural.

-O encontro inclúe un libro, ¿buscan nel a perdurabilidade?

-Queremos que quede algo en certo modo tamén na memoria. Boa parte dos textos que inclúe o libro son inéditos e, ao mellor, non van aparecer en outra publicación.