Hospital Ramón Baltar

Suso de Toro OPINIÓN

SANTIAGO

01 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos composteláns saben que a Praza do Obradoiro chamouse Praza de España tras o triunfo da sublevación militar en 1936. Son menos os que saben que antes era Praza do Hospital porque tan importante como a Catedral, coa súa fachada do Obradoiro, foi o Gran Hospital Real, no edificio que actualmente é parador de turismo.

E vaise sabendo que foi o cirurxián don Ramón Baltar Domínguez, que naceu precisamente nese Hospital Real e foi logo director como xa o fora seu pai, quen trazou unha liña discontinua mais recta que vai dese Gran Hospital ao actual Hospital Provincial de Conxo.

A historia está contada. Franco quixo destinar o edificio do Hospital para hotel de luxo e Baltar opúxose sen éxito, tras cerrarse o hospital de malos modos Franco concedeulle unha parte do edificio do novo hospital que se construía na rúa Galeras. «Doctor Baltar, ahí tiene usted su hospital», díxolle. «Sí pero el nuestro tenía más camas y los pobres de Galicia las necesitan». «Sí pero en la España que estamos construyendo no va a haber pobres».

Baltar dirixiu ese hospital de beneficencia, dependente da Deputación Provincial, mais quería un edificio e unhas instalacións propias e a ese fin destinou moitos esforzos nos últimos anos da súa vida. Cando reclamou un edificio novo, a primeira resposta da deputación foi que non había terreos. Como Baltar tiña propiedades en Conxo e coñecía o lugar, replicou que había alí terreos propiedade da Deputación. Vencendo resistencias, e axudado nas xestións na deputación por Ramón Pazos, alcalde de Padrón e casado cunha prima súa, conseguiu que o organismo provincial cedese dous quilómetros cadrados que pertencían nesa altura ao Hospital Psiquiátrico de Conxo. Foran anteriormente terreos de labor e granxas de vacas e porcos que abastecían o psiquiátrico fundado polos Mercedarios.

O doutor Baltar morreu en 1981, aquel proxecto seu que se volvera case obsesivo, un hospital de beneficencia herdeiro do Gran Hospital Real, xa estaba iniciado. Morreu conforme. Aquel hospital finalmente integrouse como é natural no sistema sanitario público galego, mais o proxecto non estará finalizado até que non sexa baptizado e o seu nome debera ser evidente: Hospital Ramón Baltar. Debera ser unha demanda de santiagueses e santiaguesas, por gratitude, e as nosas autoridades municipais deberan atender esa demanda por alimentar a memoria cívica.