Compostela Cultura ofrecerá 32 espectáculos na programación do primeiro semestre do 2023

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Cedida

Teatro, danza e circo, entre as propostas para o Auditorio de Galicia e o Principal

02 dic 2022 . Actualizado a las 04:50 h.

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre do 2023 abrangue un total de 32 propostas de teatro, danza e circo. O programa completo foi presentado onte no Pazo de Raxoi pola concelleira de Acción Cultura, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, acompañados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xa que algúns destes espectáculos enmárcanse na Rede Galega de Teatros e Auditorios, e outros están nos ciclos Platea e Danza a Escena do Inaem, do Ministerio de Cultura.

A programación comezará o 21 de xaneiro no Auditorio de Galicia con «Los santos inocentes» de Miguel Delibes nunha proposta de Javier Hernández Simón que protagoniza, entre outros, Javier Gutiérrez, para continuar os días 26 e 27 no Teatro Principal coa estrea absoluta de «Pussy Cake», o novo traballo de Matarile Teatro, dirixido por Baltasar Patiño e con coreografía de Nuria Sotelo e Rut Balbís.

En febreiro haberá 9 funcións de cinco espectáculos diferentes: Malasombra presenta os días 2 e 3 «Vox Populi», unha ópera rock con música e letras orixinais arredor do auxe da ultradereita na época actual; e o día 4, «Buho», de Titzina Teatro, con idea, dirección e interpretación de Diego Lorca e Pako Merino. Os días 9, 10 e 11, Mofa e Befa, PT Excéntricas,que presentan «Pirolíticos», unha guía sobre as novas masculinidades que propón aos homes que fagan unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Os días 23 e 24, estrea absoluta da versión de «Hamelin» de Redrum Teatro, con dirección e tradución de Álex Sampayo; e o 25 de febreiro, a estrea en Galicia de «Safo», de Focus, un espectáculo de Christina Rosenvinge, Marta Pazos e María Folguera.

A nova oferta semestral de Compostela Cultura inclúe a programación especial En Familia, dentro da cal está o #PorVezPrimeira, espectáculos dirixidos a bebés.

As funcións se poderán ver no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal. As entradas poden mercarse a partir de mañá, 2 de decembro, tanto na páxina web compostelacultura.gal como na Zona C, na Praza de Cervantes, no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h. Ademais, poderán mercarse os días de espectáculo na sala na que se celebren, desde unha hora antes do inicio do evento. As entradas terán un prezo de 10, 12 ou 14 euros, co desconto do 50 % para os colectivos habituais: persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 e membros de familias monoparentais ou numerosas. Os espectáculos familiares terán un prezo único de 3 euros por entrada.