
A proposta abre o novo proxecto artístico-pedagóxico da USC, Faíscas Culturais
15 dic 2022 . Actualizado a las 04:55 h.Conectar o eido cultural e artístico co que se fai nas aulas universitarias. Ese é o obxectivo de novo proxecto artístico-pedagóxico que pon en marcha a USC, Faíscas Culturais. «Queremos introducir elementos artísticos na formación», asegurou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. E a primeira iniciativa nese marco será achegar «Shakespeare en Roma», a nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), que terá como escenario o Salón Nobre de Fonseca a partir do 9 de xaneiro.
«Non se trata de acudir ás aulas universitarias para dar unha clase maxistral, senón para facer preguntas», explicou o director do CDG, Fran Núñez. Nese sentido, a primeira destas citas celebrarase hoxe na Facultade de Ciencias Políticas, coa participación de membros da montaxe e para abordar os seus contidos políticos. Tamén chegará ás facultades de Filoloxía, Xeografía e Historia, Filosofía e Formación do Profesorado. Tamén estará na biblioteca Concepción Arenal. A USC pretende darlle continuidade con novas iniciativas o vindeiro ano.