A campaña da Xunta contabilizou preto de 3.000 operacións
07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A última edición da campaña do bono cultural da Xunta de Galicia rematou con preto de 3.000 operacións, concretamente 2.922, que xeraron nos establecementos composteláns ingresos por un importe total de 100.268 euros, segundo os datos que manexa a Consellería de Cultura. A campaña permitía aos usuarios un desconto por valor dun 50 % na compra de produtos como libros, música en formato físico, videoxogos, entradas para museos, cines, teatros, concertos e espectáculos escénicos, entre outros, ata sumar un máximo de 50 euros.
En Santiago, nesta segunda edición dos bonos culturais estaban adheridos un total de 33 establecementos. O que rexistrou un maior número de operacións foi a libraría Follas Novas, cun total de 1.584. Foi a única, segundo os datos da administración autonómica, que superou o millar de transaccións empregando este desconto. O segundo lugar foi para Numax, con 333, onde os usuarios o aproveitaban tanto para adquirir produtos na libraría como para ver películas. O podio complétao Astora Cómics, con 217. Por súa banda, na libraría Couceiro foron 148 e en Lila de Lilith, 119, os que mercaron empregando o bono cultural.
«Santiago é, despois de Vigo e A Coruña, a cidade na que máis uso se fixo nesta segunda edición do bono cultura. Estamos enormemente satisfeitos de como funcionou», destacou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Engadiu que o sector no que máis se empregou este desconto da campaña da Xunta foi o libreiro, seguido polo da música e os cines. «A xente responde, as entidades tamén e ademais a axilidade é de agradecer. A día de hoxe está todo pagado aos máis de 500 establecementos adheridos en Galicia, agás algún caso puntual porque que haxa algún erro», afirmou.
En Galicia, o bono cultura rexistrou un total de 41.582 operacións entre o 2 de novembro e o 31 de decembro, mobilizándose 1,6 millóns de euros. A metade das compras usando este desconto foron na provincia pontevedresa e o 33 % na da Coruña.