Lucía Vázquez , da asociacion de Bares, Pubs e Discotecas: «Cantos menos locais haxa, máis ruído haberá na rúa»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Di que os establecementos están insonorizados: «Temos constantemente medicións»

10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lucía Vázquez preside a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, unha das tres do ámbito hostaleiro que acaba de poñer en marcha a campaña «Fala baixiño» xunto ao Concello. A responsable do colectivo lembra o interese do sector por controlar que o ruído sexa o menor posible na rúa.

—A principios de novembro, nun encontro co Concello desde o sector falaron de abordar o control dos ruídos...

—Para nós é importante por un tema de convivencia e de boa vontade. As asociacións de hostalería somos moi activas á hora de colaborar con todo o que teña que ver coa mellora da cidade e a seguridade e salubridade do ocio. Nós tamén estivemos na constitución da plataforma do ruído. A conclusión que sacamos desa reunión —á que fomos porque somos santiagueses—, foi que a maior parte dos veciños están de acordo que o foco do ruído non son os establecementos de lecer, senón a rúa, os botellóns. Fixeron máis fincapé nas molestias que están causando as vivendas de uso turístico polo seu mal uso, xa que se fan botellóns, úsanse para festas, maletas de día e de noite..., que propiamente nos establecementos de ocio nocturno, que están absolutamente todos insonorizados ao milímetro a día de hoxe na cidade. Non obstante, é certo que pode haber momentos e días puntuais nos que haxa balbordo na rúa, nos accesos e saídas dos locais. Á hora que pechan os locais é cando hai ruído na rúa e máis cando pechan un certo tipo de establecementos e non hai outros a onde ir. Sempre mantivemos que cantos máis locais pechados haxa e menos oferta haxa, máis ruído vai haber na rúa e máis festas nos pisos. Xa quedou demostrado na pandemia. Ademais, estamos sorprendidos todos con esta plataforma contra o ruído —que todo o que sexa para mellorar está ben—, se forme agora cando é o ano máis tranquilo, porque Compostela está de capa caída no que á noite se refire.

—As tres asociacións de hostalería se implicaron en «Fala baixiño». É suficiente?

—Esta campaña creámola nós fai anos e o Concello colaborou con nós, e agora recuperouna; pero, inicialmente, foi iniciativa da hostalería. Suficiente? Seguramente, non. É suficiente para o 85 % do ano, pero para días puntuais igual non... Pero hai que dicir unha cousa: tomar como referencia o día do Apóstolo, da Ascensión ou de San Xoán, como se ten feito, non é xusto nin real, porque se a cidade non está fervendo de xente e de alborozo nos días de festa, mal vamos. Nós somos establecementos de ocio, ofrecemos ocio seguro e limpo, nós non emitimos ruído. O que pasa é que cando hai botellón na rúa ou se xunta xente na rúa nós non temos nin a autoridade nin a capacidade para controlalo. De boa vontade colaboramos todo o que podemos, pero non temos maior capacidade.

—Di que os locais están insonorizados, pero tamén hai queixas de veciños que din que teñen que irse para poder durmir.

—Poden escoitar ruído da rúa, pero dos locais non. Case a totalidade dos veciños asumen que o ruído que teñen é da rúa, pero sempre se vai contra os establecementos. Isto non nos parece razoable. Isto é como dicir que hai moitos accidentes de coches, entón imos eliminar os coches. Haberá que buscar solucións para aqueles problemas que poida haber. Tamén hai que ser serios na diagnose. Falar de ruídos en Santiago en termos grandilocuentes é unha falacia. Non estamos no 94 cando as rúas estaban ateigadas e na rúa Nova de Abaixo non podía durmir ninguén porque era unha barbaridade de xente. Iso desapareceu e pese a iso seguimos coas zonas saturadas daquela época.

Polo que di, séntense como os cabezas de turco cada vez que se fala dos ruídos?

Si, en certo sentido é así. Por que xorde agora este problema cando é o momento máis tranquilo da cidade? O que sabemos é que os establecementos non emiten ruído; iso é seguro e comprobado polo propio Concello. Temos constantemente medicións. O ocio nocturno está inspeccionado continuamente. Cada vez que un veciño chama, hai revisións.