
O grupo compostelán ofrecerá esta noite un concerto didáctico na Escola Oficial de Idiomas
20 dic 2023 . Actualizado a las 04:55 h.20.00 horas • Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas • «Ailá de Nadal». Ese é o último traballo do grupo compostelán Ailá. Nel segue a traballar co patrimonio sonoro tradicional galego, pero desta volta centrado nas panxoliñas e cantigas desta época do ano. Unha proposta que vai moito máis alá da propia interpretación e recuperación dos temas, xa que no obxectivo tamén se atopa que serva de material didáctico para despois empregar tanto en centros educativos como nas propias casas como guía para interpretalos. Hoxe, a formación musical presentará parte do repertorio desta escolma nun concerto didáctico que se celebrará na Escola Oficial de Idiomas de Santiago. Nel explicarán a xénese de varias pezas do disco e tamén buscarán a participación dos asistentes.
«Ailá traballa con fontes sonoras, non somos un grupo de creación, senón de interpretación ou recreación. O que facemos é traballar con fontes sonoras dun inmenso valor patrimonial, como poden ser as que figuran no APOI [Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo], gravacións históricas ou recollidas de particulares. Neste caso, o que fixemos foi recoller panxoliñas, aguinaldos..., que veñen da transmisión oral», explica Xan Pampín, integrante do grupo xunto a Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete.
«Ailá de Nadal» ten a súa orixe hai dous anos. Entón, a modo de agasallo, fixeron as «Coplas de Nadal de Soutoxuste». O ano pasado, continuaron con prosas de Rianxo. Así que, neste 2023, quixeron facer «un traballo máis extenso que abranguese todo este ciclo de Nadal, non só o ciclo relixioso, senón tamén eses paus que están no medio e que non teñen que ver coa propia liturxia relixiosa. Incluímos aguinaldos, aninovos, rezos profanos...». En total son oito temas.
Ao disco físico, hai que engadirlle un karaoke «a modo didáctico para que todos poidan cantar na casa e nos centros educativos, xa que hai eivas deste tipo de material». Pampín lembra que esta época de Nadal «era un tempo de cantar, cando había menor luz e a xente buscaba escusas para xuntarse e fortalecer o tecido social» xa que os traballos do campo en comunidade xa remataran.
Con este «Ailá de Nadal» a formación nada no 2019 pon o broche a un ano especial. Publicaron o novo disco «Sansolimón» e recibiron o premio Martín Códax de música tradicional. «É un recoñecemento a nivel público que si se nota nas contratacións e na visibilidade do grupo», afirma Xan Pampín. Ademais, foron uns dos representantes de Galicia no Festival Interceltique de Lorient e elixidos para participar nun acto institucional na illa Jeju en Corea do Sur nun acto de irmandade entre camiños de peregrinación. «Tocar para un público que non coñece a túa música foi unha experiencia marabillosa. Responderon moi ben, empezando a bailar, a cantar, tocar palmas e ata fixeron unha conga», lembra.
Foi o ano da consolidación de Ailá? «Foi o ano da maduración e consolidación como un grupo da nova fornada da música tradicional máis para baile», responde Xan Pampín. Agora, xa pensan nun novo traballo enfocado nas agrupacións folclóricas. «O noso traballo é pensado para bailar porque a música de festa en Galicia é unha música para bailar», engade.