Nauta Teatro amosa en Teo e Santiago o resultado da investigación sobre a identidade de xénero

La Voz

SANTIAGO

Unha vintena de persoas, tanto profesionais como debutantes no eido teatral, participan desde decembro no proxecto de Nauta
Unha vintena de persoas, tanto profesionais como debutantes no eido teatral, participan desde decembro no proxecto de Nauta Lorenzo Nogueruela

A compañía presenta os días 19 e 20 as conclusións do traballo iniciado o mes pasado con vinte persoas

16 ene 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

«Non é un espectáculo, non é unha obra ensaiada, senón unha proposta escénica con persoas que queren reflexionar sobre a identidade de xénero desde o teatro comunitario». Así resume Rafael Rey, membro de Nauta Teatro, o resultado da iniciativa impulsada por esta compañía compostelá que poderá verse o día 19 no auditorio Constante Liste de Teo e o día 20 na Gentalha do Pichel en Santiago a partir das 20.00 horas en ámbolos dous casos. Trátase de ofrecer as conclusións da investigación feita desde o ámbito das artes escénicas sobre a identidade de xénero e a diversidade.

Para levar a cabo este proxecto, que conta con financiamento do Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes, membros de Nauta comezaron a traballar a principios de decembro con artistas locais, artistas amadores e persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+. «Preparamos este proxecto para facer unha experiencia comunitaria que puxera en cuestión a expresión de xénero, os estereotipos e as máscaras sociais que temos en relación co xénero», asegura Rafael Rey. O elenco está integrado desde profesionais ou afeccionados que levan 30 anos no teatro como por persoas que nunca se subiron ás táboas cun amplo abano de idades: desde os 14 ata máis de sesenta.

A compañía compostelá creada no 2020 amosa o seu interese por traballar «temáticas sociais e actuais». Neste caso, apuntan que despois de abordar a homofobia, a transfobia e o «bulling» no 2021, quixeron profundar máis na temática, centrándose na identidade de xénero nun proxecto no que contan coa colaboración do artista drag Nico Elsker. «Trátase de facer desde o teatro comunitario unha investigación sobre a expresión da identidade, como se representa o xénero desde a arte», apunta Rafael Rey.

A iniciativa, que se enmarca tamén dentro do festival Galicreques, amosará o resultado esta semana en Teo e Santiago, seguido dun coloquio co publico. Será unha proposta escénica onde desde o movemento e con máscaras se abordarán situacións ligadas ao xénero e aos distintos arquetipos. Inclúe tanto escenas cómicas como dramáticas. Por parte de Nauta tamén participan Raquel Garabal, Pilar Pingarrón e Carlos Gallardo. Ademais, colaboraron Lorenzo Negueruela e Adela Bértolo.