Marián Bañobre, actriz: «'Deadpan Karaoke' nace da necesidade do humor, do amor e de socializar»

SANTIAGO

O novo espectáculo de Ibuprofeno Teatro chega a Santiago este xoves e o venres
06 mar 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Xoves e venres • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros • «Da necesidade de humor, do amor e de socializar». Así naceu «Deadpan Karaoke», segundo as palabras da súa protagonista, a actriz Marián Bañobre. Este décimo espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro recalará mañá e o venres no Teatro Principal no marco da programación Compostela Cultura. A montaxe aborda desde o humor «como amamos e nos relacionamos nesta sociedade tardocapitalista». E para facelo bota tamén man do karakoke, do cine e da música. Todo elo, nun espectáculo de 75 minutos no que Marián Bañobre, a través do personaxe de Deadpan, interacciona co público asistente. «Este personaxe de cara morta, sen emocións, crea un contexto para, coa axuda do público, saber como relacionase», engade a actriz, para quen este papel representa en certa media volver ás súas orixes como «clown», «aínda que é un regreso desde unha perspectiva diferente».
Marián Bañobre resalta que «Deadpan Karakoe» é unha peza «con moito risco» xa que en boa medida tamén depende do propio público, «e, canto máis cheo está o teatro, mellor». Detalla que aínda que está soa sobre o escenario, en ningún momento se sinte así porque na creación da montaxe participaron doce mulleres e catro homes. Ademais, nas funcións acompáñaa Violeta Martínez, responsable da iluminación e a escenografía.
A proposta, que é finalista aos Premios de Teatro María Casares nas categorías de mellor caracterización e mellor espazo sonoro, constitúe a primeira vez na que a compañía traballa cunha directora convidada, Patricia Rodríguez. «Foi algo moi intuitivo, aínda que non nos coñeciamos», afirma Marián Bañobre, destacando que aprendeu moito durante o proceso no que houbo tamén unha ampla presenza feminina. «Saíu algo moi delicado. É un humor que tamén toca a sensibilidade. Hoxe igual todos estamos nunha vida de ficción», apunta a protagonista.
E como levou ese regreso ás orixes do «clown»? «A min o que me pasou é que a pandemia cambioume a perspectiva. Foi un antes e un despois», detalla. Nese sentido, explica que as restricións sanitarias naqueles momentos obrigaron a reducir a interacción co público. Nese sentido, estando na Feira de Ciudad Rodrigo, «percibín unha necesidade de rir, de participar e de socializar. Entón, sentín a necesidade de traballar desde aí e de vingar toda esa etapa e que sexa un espectáculo de encontro, que se poida rir e socializar». En Santiago, Ibuprofeno Teatro ofrecerá dúas funcións, algo que agradecen de xeito especial as compañías. «Nas grandes vilas debería ser obrigatorio», apunta Bañobre convidando a acudir a ver esta montaxe.