O Banquete de Conxo brindará con foliada e Jaione Camborda

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

A nova edición, do 24 ao 26, inclúe música, obradoiros, teatro, percorridos guiados e mercado do libro

15 may 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

A Festa do Banquete de Conxo regresará do 24 ao 26 de maio coa súa quinta edición para lembrar esa histórica comida que un 2 de marzo de 1856 reuniu a estudantes e artesáns na carballeira. Farao cun amplo programa de actividades no que a tradicional representación teatral desa comida estará acompañada de música, obradoiros, teatro, percorridos guiados, xogos e un mercado popular.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenente de alcaldesa, María Rozas, foron as encargadas de debullar unha programación que comezará o venres a partir das 17.30 horas cun percorrido literario pola carballeira guiado polo editor e escritor Quique Alvarellos e rematará o domingo cunha chocolatada e concerto con O Sonoro Maxín (Praza de Aurelio Aguirre, 20.30 horas). Ambas responsables políticas fixeron un chamamento á participación de toda a veciñanza tanto na festa do domingo como no amplo abanico de propostas.

A xornada central, o día 26, a actividade arrancará ás 11 horas co desfile «Alá van os estudantes e artesáns», que baixo a coordinación artística de Os Quinquilláns, partirá da Praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela ata chegar á praza de Conxo. A partir de aí dirixirase á carballeira, onde terá lugar unha representación teatral do Banquete para dar paso ao xantar e romaría popular, que incluirá unha foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, a Asociación de Música e Baile Tradicional de Conxo, Muiñeiros do Sarela, Contedores de Recandea, Muiñeiros do Sarela e a Asociación Pena Maior de Marrozos. Precisamente, a rexedora destacou a implicación por primeira vez nesta festa de Marrozos. Unha veciña da parroquia, María Luísa López, será a encargada do pregón matutino (12.45 horas).

Esa xornada grande na carballeira de Conxo despedirase cos discurso de Os Quinquilláns e un pregón de peche a cargo de Jaione Camborda a partir das 19.30 horas.

O venres 24, ademais da ruta guiada por Quique Alvarellos, haberá un taller de baile tradicional e un «scape room» aproveitando a riqueza natural do Bosque do Banquete, así como cantos de taberna.

O sábado comezará cun taller de observación de aves e outro de baños de bosque. Despois, terá lugar unha ruta dos muíños e unha carreira de orientación —proba non competitiva— con opcións e categorías para todas as idades. Tamén soará a música de Boa Sunet, haberá circo, concerto de coros e Festa da Poesía.

Tanto o día 25 como o 26, na praza Aurelio Aguirre, celebrarase unha nova edición do Mercado do Libro, que nesta edición contará con dezaseis postos, cinco máis que o ano pasado, segundo detallou María Rozas. Este mercado complementarase cunha pequena mostra de oficios tradicionais con postos de forxa, cerámica e cestería.

Por outra parte, celebrarase por primeira vez o certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderán participar maiores de 18 anos. Tanto o sábado 25 como o domingo 26 haberá servizo do Tren do Banquete.