María Rozas (CA): «Neste goberno hai entendemento, e creo que é algo que se transparenta»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A voceira de Compostela Aberta afirma que agora hai que mirar para adiante para sacar a operación Peleteiro

19 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

María Rozas (Santiago, 1981) volveu á xestión municipal coa coalición BNG-CA que saíu das urnas hai un ano. Voceira de Compostela Aberta e primeira tenente de alcalde, defende con «orgullo» os pasos dados nos eidos que están «na cultura» de CA: os dereitos sociais e as políticas para á xente. Aí están, di, o novo contrato do SAF, o centro en construción para persoas sen fogar, o traballo para o futuro centro de maiores e o incremento nun 40 % dos fondos para bolsas de comedores escolares, que sitúa a Santiago como «a cidade galega que máis destina a elas por habitante». «A nosa prioridade é a social», á marxe de afrontar tamén os principais retos da cidade, como a mobilidade, di.

—Vostede levou as contas con Noriega e agora a acción social con Sanmartín. Tivo que pelexar moito a asignación para a súa área co actual edil de Facenda?

—Pois coñezo ambos roles, o de facer as contas e o de ser a parte que pide, e podo dicir que os orzamentos fixéronse dende a xenerosidade. Somos un goberno unido, sólido, que pon por riba as prioridades da veciñanza que calquera outro tipo de interese.

—Acaba de adxudicar o servizo de atención no fogar (SAF), un servizo delicado que empezará con nova empresa o 1 de xuño. Está todo preparado?

—Estamos cos preparativos para a transición. Aí si fixemos unha aposta contundente, porque para nós son unha prioridade as políticas para os colectivos máis vulnerables e as persoas maiores con situación de dependencia. Fixemos unha aposta clara no económico, son 12,7 millóns para 2 anos, un 73 % máis que o ano anterior, pero tamén incorporamos moitas melloras, tamén dende o punto de vista das traballadoras. Por suposto que o servizo é sensible e delicado, e o noso obxectivo é melloralo.

—Resolveron esa licitación en tempo récord. Algún consello para o seu compañeiro Xan Duro para o contrato do transporte, asumindo que este é dos complexos?

—Si, dos máis complexos: son 184 millóns para 13 anos. Non son comparables e Xan Duro estao facendo ben. Se hai un señor contrato neste Concello é o do transporte público probablemente. Neste ano demos pasos adiante e incorporará melloras clave para a cidade, como a conexión das parroquias, máis frecuencias, bus nocturno e ao aeroporto. Pero entendo a frustración de moitos veciños que ás veces teñen a sensación de que as cousas van lentas. A burocracia é garantista, pero por outro lado fai que os ritmos sexan máis lentos do que nos gustaría a todos.

—Enténdese ben con Sanmartín?

—Si, hai boa relación e unha comunicación fluída, non só con ela, senón entre as dúas forzas. Reflexionamos os temas en común de goberno. Hai entendemento e creo que é algo que se transparenta.

—E que tal a relación co PSOE? Non querían gobernar expresamente con vostedes.

—Non quixeron, e sempre dixen que me parecía triste que non houbese a posibilidade de ter un goberno en maioría. Foi a súa decisión, pero a relación é cordial.

—O PP nin os menciona cando fala do goberno, salvo que poña o retrovisor, como no tema do transporte. Séntense ignorados?

—Ignórannos, o que non sabería valorar é se é positivo ou negativo. Somos antagónicos e é certo que sinto que ás veces lles sae como un sarpullido cando teñen que mencionar a CA. Intentan invisibilizarnos, pero CA é unha formación consolidada: gobernamos en solitario, en coalición agora e temos moito que aportar, dicir e facer para Santiago, e niso estamos.

—A ordenanza das VUT tarda de máis para os propietarios. Hai moito debate interno?

— Non é unha cuestión de debate interno nin de diferenzas no seo do goberno. A postura de CA e coñecida por todos. Nós sempre defendemos que había que regularizar as vivendas de uso turístico, que había que limitalas, que tiñamos que tomar medidas para evitar que Santiago se convertera en parque temático e para garantir o dereito á vivenda dos veciños e niso traballamos sempre. E creo que o tempo nos dá a razón. A vivenda é un dos principais retos que temos como Concello, como cidade. E para CA unha desas medidas para apostar por unha política de vivenda é regular as VUT.

—E que poden agardar os propietarios desa ordenanza?

—Esa non é unha área que xestione CA e non me toca a min trasladar información desa ordenanza. Pero non hai un desacordo no goberno nese sentido.

—Ábrese nova negociación para o Peleteiro. Cre que se mellorará o que pactou Noriega no 2019?

—Non. Creo que aquela foi unha oportunidade perdida, había unha proposta moi boa na mesa, que valía a todos os axentes sociais e tiña consenso coa propiedade. Non volveu haber un proxecto sobre a mesa co consenso de aquel. Agora estamos nunha situación diferente e creo que temos que mirar para adiante. E para min unha das prioridades son os usos.

«Co Clínico, o importante é que se constrúa o párking, porque estamos en situación límite»

Nas últimas semanas, Xunta e Raxoi aproximaron posicións para a construción do párking do Clínico.

—Finalmente aceptan que sexa dentro do recinto hospitalario.

—Nós cedemos unha parcela, pero o Sergas, que é o propietario do hospital, decide que a localización é outra. O importante é que se constrúa o aparcamento, porque estamos nunha situación límite, xa de moitos anos, agora agravada polas obras. E tamén é importante que o acordo vaia máis alá da construción do aparcamento.

—Os gobernos dos últimos 30 anos, salvo o de CA, abriron o debate do traslado das atraccións das festas. Vostedes entendían que debían manterse, pero cal é a súa posición agora que a reflexión vén do seu socio de goberno?

—Si, non é novo, ese é un debate recorrente. Eu creo que hai que intentar procurar o equilibrio entre o coidado da Alameda co dereito a desfrutar da cidade. A min cústame imaxinar as festas sen as atraccións alí. Dito isto, aínda non se abriu ese debate no seo do goberno, pero Xoán Carlos I non me parece unha opción. É unha rúa con gran tráfico rodado. Se nalgún momento se dá o debate, falarémolo.

—Que pasará coa Casa da Xuventude? Aí CA pregouse ao BNG.

—Non, eu non fago esa lectura. As posturas das dúas forzas son coñecidas. Pero como creo que hai que ter a capacidade de chegar a acordos, tamén creo que non se deben dramatizar as discrepancias. Somos dúas organizacións diferentes, con programas diferentes, pero que intentamos traballar por aquilo que nos une no beneficio común dos veciños. Nós non estamos de acordo coa derruba. E non perdo a esperanza de chegar a convencer ao BNG de que é necesario ese edificio.