A Horta de Rosalía encheuse de vida e cultura no festival Abride a Fiestra

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

A Casa Museo da Matanza, en Padrón, encara hoxe unha nova xornada na que se conmemora o 139 aniversario do pasamento da poeta

15 jul 2024 . Actualizado a las 00:37 h.

Contacontos, música, literatura, coloquios, catas e obradoiros converteron onte a casa na que Rosalía de Castro viviu os seus derradeiros anos de vida nun fervedoiro. Na Casa-Museo da Matanza, a Horta de Rosalía encheuse de vida e cultura coa sexta edición do festival Abride a Fiestra, unha xornada de portas abertas dedicada ao xardín que vén de reformar a Fundación Rosalía seguindo unha concepción máis contemporánea, dende uns criterios de paisaxismo naturalista, para recrear neste espazo a flora e vexetación da contorna cunha filosofía máis sostible e ecolóxica.

O festival tamén se introduciu no interior do recinto museístico padronés. O auditorio acolleu as actividades literarias e as visitas guiadas invitaron a descubrir os recunchos da Casa-Museo, xunto coa figura da escritora galega e maila súa obra. Déronse a coñecer tamén outras reformas que se fixeron para mellorar a accesibilidade na entrada nunha xornada cargada de actos que incluíu un xantar popular que puido celebrarse a pesar de que o ceo ameazaba con chuvias.

Tralo festival, celebrado co apoio da Deputación, o Concello de Padrón, A Xunta e o Parlamento, xunto coa colaboración de empresas privadas como Gadis e Paco & Lola, encárase hoxe unha nova xornada na Casa-Museo Rosalía que conmemorará o 139 aniversario do pasamento da poeta.

Celebración do cabodano

A celebración do cabodano comezará cun acto institucional no que se lle entregará a Rosa de Galicia á rosalianista Catherine Davies, unha investigadora británica que puxo o foco sobre aspectos pouco estudados da obra de Rosalía, coma posibles simbolismos feministas ou mesmo a infravalorada faceta maternal da autora. Os discurso de apertura correrá a cargo do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a continuación tomará a palabra a homenaxeada. Prevese a asistencia de un bo número de representantes institucionais, entre os cales está o presidente da Real Academia Galega. E, como colofón, terá lugar un concerto divulgativo do Abraham Cupeiro, multiinstrumentista que dedicou os últimos anos á recuperación de instrumentos perdidos no tempo que el rescata para crear novas sonoridades e dalos a coñecer.