Xaquín Mato: «Están desaparecendo negocios porque non teñen relevo xeracional»

maría patricio / i. c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Comerciante e expresidente da Asociación de Veciños Raigame do Ensanche, Mato botou case dous anos xubilado, pero volveu á tenda porque lle faltaba «algo»

15 jul 2024 . Actualizado a las 00:37 h.

Xaquín Mato (Cabanas, 1950), propietario da papelería Xaquín e expresidente de Raigame, debería levar case dez anos xubilado, pero non chegou a cumprir nin dous. «Era moi aburrido. Levantábame polas mañás e non tiña nada que facer. Ía camiñar, pero non vou botar o día paseando», exclama Xaquín, quen asegura que lle faltaba «algo». Cando a súa filla María, quen dirixe agora o negocio, quedou embarazada, Xaquín volveu á papelería para coller durante uns meses o sitio de María, pero xa non marchou. Cumpre a finais deste mes 74 anos; con todo, continúa pasando o día na tenda. «A veces fago falta e ás veces non, pero vou e falo coa xente, que é o importante», di riseiro. Xaquín adoita ir pechar ás 20.30 para que a súa filla teña a liberdade de marchar antes á casa, non quere que faga os esforzos que el fixo. «Era un traballo moi escravo», asegura.

Cando empezou co comercio, Mato levantábase todos os días ás 05.00 para repartir a prensa á televisión galega, á española e á Xunta, algo que segundo el, «custaba moito», pero que lle daba negocio. Agora, o reparto limítase a algúns bares e clientes «de toda a vida». «Fomos parando, porque non compensaba xa, reciben todo por internet», expón, ao mesmo tempo que se declara como un nostálxico do papel. «Deses quedamos os que estamos agora vivos», non dubida.

Mato formou parte da vida do Ensanche compostelá desde os 24 anos, cando veu para Santiago e montou o seu negocio, que se moveu tres veces de local, pero non da rúa Nova de Abaixo. Implicado coa cidade, coa veciñanza e co comercio, é testemuña dos cambios que sufriu o Ensanche. Así, advirte que «están desaparecendo negocios porque non teñen relevo xeracional», aínda que non é o seu caso. Xaquín ve unha cidade «moi preparada para competir», con veteranos, pero tamén con novos «con ganas de levantar a cabeza». Nese sentido, asiste a como a súa filla leva o negocio con «outro estilo», con presenza nas redes sociais e en comunicación constante cos clientes. «Lévao incluso mellor ca min», admite.

Xaquín nota que o comercio do Ensanche «vai a menos», en parte polos cambios no ocio dos universitarios. «Cando eu empecei, nos 80, había moitísima xente nesta rúa, rúa Nova de Abaixo. Era imposible entrar a partir dunha hora coa xente que había, pero ás dúas da mañá quedaba en silencio, non había nada. Ás dúas da mañá, agora, case non empezou», explica Xaquín, que veu como moita xente marchaba ás aforas polo ruído. Con todo, pensa que «Santiago sen estudantes non sería nada. É unha cidade pequena, pero moi nova, con moitos estudantes que se moven e dan vida e ilusión aos maiores». Outro dos problemas que atopa para o Ensanche é «que non hai onde aparcar e, se hai, é moi caro», o que se xunta con que «cada vez hai máis centros comerciais ás aforas». Lamenta que non haxa «espírito de asociacionismo», nin «de barrio» como na periferia compostelá. Explica que con Raigame intentaron celebrar o magosto e o San Xoán algún ano na praza de Vigo, pero que tiveron que parar porque había queixas polo ruído. «A xente non está polo labor de querer facer algo polo outro sen cobrar», apunta. Tamén observa individualismo: «Aquí eu vivo no octavo, o outro no segundo e case non lle dou nin os bos días».

O día 25 será recoñecido polo Concello co Alba de Compostela. «Non sei se o direi no discurso. Elixíronme para este premio, o cal agradezo un montón, pero agradecería tamén que na corporación se puxesen de acordo para grandes proxectos como hai en Santiago que non son capaces de pór en marcha», di Xaquín, que levaba escoitando «sobre a depuradora máis de 20 anos».