Ailá estrea pezas do novo disco en Santiago: «É unha homenaxe ao legado das mestras pandeireteiras»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Eva Fernández

O grupo avanzará temas de «Tradimensional», que prevé publicar a finais deste ano, durante a súa actuación no Feito a Man

06 ago 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

O pasado día 26 Ailá levaba a súa música ás Festas do Apóstolo. Hoxe (20.30 horas, Vía Sacra) actuará no Festival Feito a Man, todo un clásico dos veráns composteláns. Pero que ninguén pense que o que ofreza esta formación que dou os seus primeiros pasos na Casa das Crechas será máis do mesmo. Se hai menos de dúas semanas subía ao escenario en formato cuarteto, esta tarde farao como un quinteto e, ademais, aos que asistan agárdalle un repertorio novo. «Tocaremos temas do actual disco —«Sansolimón»—, que non poden faltar, pero como agasallo ao público estrearemos pezas do noso vindeiro disco», explica Xan Pampín, acordeón e bombo da formación.

Un novo traballo que xa ten nome: «Tradimensional». Trátase, segundo indica un dos fundadores da formación compostelá, dun xogo de palabras referente a que a «a tradición aglutina diferentes dimensións: pasado, presente e futuro». A intención coa que traballa Ailá é que vexa a luz de cara a final de ano, pero hoxe xa interpretarán catro ou cinco dos seus temas. «É unha homenaxe ao legado das mestras pandeireteiras e das agrupacións de música tradicional como transmisoras do noso patrimonio», detalla Pampín.

Unha estrea de temas no Feito a Man que está acompañada tamén de cambios na propia formación. Ailá estase tamén renovando sobre o escenario. Así a Xan Pampín, Manuele Pardo (voz, pandeireta e gaita) e Ángela Carou (voz, pandeireta e percusións) únese Manuela Fraguela, que toca a zanfona. A intérprete de 16 anos leva uns tres meses formando parte de Ailá. Ademais, no concerto desta noite en Santiago terán como convidada a Icía Kirk como voz. «Ao ser un quinteto, os que acudan a este concerto van ver un Ailá moito máis enérxico», explica Pampín.

«Tradimensional», explica o músico, non distará moito do que viña facendo ata agora a formación compostelá, aínda que supón unha evolución. «Animámonos a incorporar algunha letra nosa ás coplas», apunta, aínda que «a esencia de Ailá segue sendo a mesma: a música pensada para o baile». Tamén prevén incorporar algún ritmo novo, como a mazurca, «que está caendo en desuso».

Ailá está afrontando unha tempada estival con múltiples actuacións. Á recente festa de O Pino e á participación nos festivais de Ortigueira e Pardiñas, engadiralle a partir de agora concertos en As Nosas Músicas de Couso (día 14) ou o Esmorga Folk na Bandeira (23), neste caso xunto á banda desta localidade da comarca do Deza nun espectáculo especial. «Agosto ímolo tomar como o trampolín do noso vindeiro traballo», di Pampín. Xa en setembro acudirán a Oporto e en outubro, a Asturias. Nesta segunda parte do ano os esforzos estarán centrados en gravar ese cuarto disco da formación no que xa levan traballando meses.

Sandra Alonso

Folk desde Bélxica para abrir o festival

 

 

Verónica Codesal foi a encargada de alzar o pano da nova edición do Feito a Man, que enche de música a zona vella compostelá en agosto. A cantante galega nada en Bélxica presentou o espectáculo «100 voltas» na praza dos Gatos. Hoxe, ademais da música tradicional de Ailá, será a quenda do jazz da man Alejandro Vargas Trío feat Xosé Miguélez (San Paio de Antealtares, 22.15 horas).