Tanxugueiras e Boyanka Kostova, no concerto solidario «Amal x Gaza»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A sala Capitol acollerá o día 17 o evento da Fundación Araguaney-Puente de Culturas para axudar ao pobo palestino, no que tamén actuarán Ataque Escampe e García MC

08 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

A Semana de Cine Euroárabe Amal incluirá no programa da súa nova edición un concerto solidario que terá como propósito recadar beneficios para apoiar á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa). O concerto «Amal x Gaza», que organiza a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, terá lugar o próximo día 17 na sala Capitol cun cartel do que forman parte Tanxugueiras, Boyanka Kostova, Ataque Escampe e García MC. A presentación contou este luns na Reixa Tenda coa intervención do presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cine Euroárabe Amal, Ghaleb Jaber Martínez; e coa asistencia de Cibrán García, músico e compoñente do dúo de trap galego; e a poeta Lúa Mosquetera, á que acompañou o músico Pablo Seijas.

Na súa intervención, Jaber Martínez resaltou a relevancia de que os grupos participantes se teñan posicionado: «Hai momentos na historia nos que un se ten que posicionar». Ademais de reprobar «a masacre e xenocidio que estamos a ver estes días», suliñou o relevante papel que xoga a fundación á que irán destinados os fondos recadados. A unrwa é unha organización con 76 anos de historia que foi creada como axencia do sistema das Nacións Unidas para os refuxiados palestinos de Nakba de 1948. «Naquela época centos de miles de palestinos foron expulsados das súas casas e dos seus pobos, como os meus avós, e comezou así a chamada diáspora palestina da que moitos somos parte arredor do mundo».

As entradas poden adquirirse de forma anticipada (15 euros máis gastos de xestión) na web da Capitol, na Reixa Tenda e na propia sala, o día do concerto (18 euros).