A actuación prevista a curto prazo que afecta a igrexa de Bonaval consiste nun estudo con escáner láser para coñecer con maior detalle a situación da capela na que se atopa o sarcófago cos restos de Castelao. O Consorcio propuxo nesta semana que a empresa Panta Rhei Desarrollo Siglo XXI se encargue destes traballos por un importe de 2.964 euros, por ser a mellor oferta entre as seis que se presentaron. Tamén se farán traballos semellantes noutros edificios do patrimonio histórico da cidade, como é o caso da igrexa de Conxo, da biblioteca de América, do arco de Mazarelos e do exterior da torreta central da Praza de Abastos.
Os datos que se obteñan destes traballos con escáner láser e tecnoloxías afíns serán empregados con posterioridade, segundo recolle o prego do Consorcio, para redactar os proxectos técnicos para obras de conservación.