Fisión Atlántica Ensemble achega a Santiago «O segredo de Haydn» unindo música e literatura
SANTIAGO
Ofrecerá un concerto a partir das 18 horas no Auditorio de Galicia
22 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.18 horas • Auditorio de Galicia • 3 euros • Literatura e música. Grandes compositores e Galicia. Nesa dobre alianza se asenta o concerto que ofrecerá esta tarde Fisión Atlántica Ensemble no Auditorio de Galicia. Nel explorará os vencellos entre Joseph Haydn e a tradición popular galega. Trátase do segundo proxecto impulsado por Luís Soto, frautista da Filharmonía. Se nun primeiro poñía o foco en Mozart, agora é a quenda de Haydn. O resultado son catro cuartetos para frauta e trío de cordas do compositor austríaco, xunto coas danzas de Reis de Guláns (Ponteareas), que recolleron nun disco.
Pero á música que interpretan Luís Soto, Nikolay Velikov (violín), Iona Ciobotaru (viola) e Álvaro Quintanilla (violonchelo) engádese o libro «O segredo de Haydn» asinado por Suso de Toro e ilustrado por Xosé Cobas. Ambos estarán asinando exemplares dende unha hora antes do comezo do evento. Suso de Toro trae ao Camiño de Santiago ao compositor austríaco, que descobre a nosa gastronomía, a nosa lingua e a música. Ademais, estará a escritora Fina Casalderrey co libro «O xenio da cidade de sal», que supuxo o punto de partida desta iniciativa impulsada polo frautista da Real Filharmonía de Galicia.