A biblioteca Ánxel Casal pon o foco na ilustración con mostras e obradoiros durante xaneiro
SANTIAGO
Esta mañá actúa Celso Fernández Sanmartín
03 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A biblioteca Ánxel Casal inicia este mes de xaneiro con contacontos. Hoxe, ás 12 horas, estará Celso Fernández Sanmartín ofrecendo «A vida que burbulla ao noso arredor», e mañá, a mesma hora, será a quenda de Caxoto con «Un paxe real en apuro», poñendo así fin a programación de Nadal. Pero, a partir de aí, a mirada principal estará pousada na ilustración, xa que aos obradoiros deseñados tanto para a rapazada como para público adulto, haberá que engadirlle tamén unha mostra bibliográfica. Todo elo con Xosé Vizoso, ao que este ano se lle dedica o Día da Ilustración, como protagonista.
As actividades xa comezan a vindeira semana cun taller o día 7, ás 18.30 horas, a cargo de María Lires titulado «As lentes de Castelao», que incidirá na faciana de ilustrador dun dos grandes referentes de Galicia. O día 20 abrirá unha mostra bibliográfica titulada «Gravado, ilustración, deseño e humor gráfico en Galicia», na que achegará unha visión da historia da ilustración no país. O día 25 celebrarase unha homenaxe a Xosé Vizoso cun contacontos ilustrado de Polo Correo do Vento. O 29 haberá un obradoiro de cómic autobiográfico para público adulto a cargo de Pepa Prieto Puy. Un día despois, será a quenda da cativada de seis a doce anos.
A biblioteca tamén celebrará o Día do Usuario cun préstamo a cegas de libros e un espectáculo de Mamá Cabra o día 11. Non faltarán os contacontos da man de Ángeles Goás nin a música, con espectáculo de Pakolas o día 30 e un concerto de novas promesas da guitarra o 31.