O Auditorio de Galicia inaugura esta tarde «Ollos de vidro» con obra dun cento de artistas

La Voz

SANTIAGO

Unha exposición previa no Auditorio de Galicia
Unha exposición previa no Auditorio de Galicia PACO RODRÍGUEZ

O acto celebrarase esta tarde ás 20 horas

28 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

20 horas • Auditorio de Galicia • «Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia» abre esta tarde no Auditorio de Galicia coa pretensión de ofrecer un percorrido por experiencias colectivas dos últimos 150 anos. «Faremos un percorrido por formas e prácticas culturais coas que abrir, desde abaixo, a imaxinación histórica», escribe o comisario, Germán Labrador Méndez, que intervirá hoxe na inauguración da mostra xunto á alcaldesa, Goretti Sanmartín; e do director xerente do Auditorio, Xaquín López.

A mostra reunirá obra dun cento de artistas e grupos de diversos eidos. Así, xunto a nomes que teñen un papel referencial na cultura galega, como é o caso de Castelao, Camilo Díaz Baliño ou Isaac Díaz Pardo, atópanse outros contemporáneos, como os do grupo de teatro Chévere, o pianista Abe Rábade e o artista Eduardo Valiña, entre outros.

O proxecto expositivo está articulado en cinco episodios: a construción transatlántica do capitalismo en Galicia desde o século XIX; o legado utópico da experiencia republicana dos anos 30, a duración do xenocidio fascista durante e despois da Guerra Civil, a xorda resistencia do mundo dos vencidos e as rupturas contraculturais.