
A banda compostelá de rock duro xoga o sábado na casa para arrincar unha xira que a levará por Galicia e Asturias
13 feb 2025 . Actualizado a las 21:38 h.Sucede moito. Pero se hai algo que neste país amose un notable desequilibrio entre o talento, o esforzo e os escaparates nos que tanto traballo poida ser amosado, o eido da música alternativa —por así chamala, feita dende Galicia e en galego— merece, dende logo, un lugar no alto do podio. Grilo constitúe unha das máis recentes mostras de calidade e persistencia neste circuíto tan noso de resistencia sonora.
Fundada no 2018 en Compostela, a banda sufriu a peneira salvaxe da pandemia cando o seu primeiro traballo, Dálle lume, comezaba a rodar. Disco presentado na Capitol, nun incerto mes de xaneiro, e confinamento ao canto. Agora, cun cambio de formación e outro parón obrigado de por medias, Grilo volven prender as faíscas. O sábado arrincan na Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21, Santiago. 22 horas) unha xira que levará o trío por prazas coma Vigo, A Coruña, Melide, Sarria, Ourense, A Rúa ou o Maizu Rock, en Asturias.
Son dúas as novidades principais que aniñan no grupo. A primeira e fundamental, Ata non poder máis, un novo lanzamento que atopou en Tximi e no Bar Tolo os perfectos anfitrións para a súa gravación. Quen procure un anticipo do que chegará o sábado na Gentalha non ten máis que botar un ollo a Youtube ou un oído a calquera das plataformas do ramo. A segunda ten que ver coa batería. Grilo son hoxe Adrián Gómez (guitarra e voz), Alberte Fernández (baixo) e Rafa Varela, incorporado ás baquetas no canto de Miguel nesta nova xeira.
Cada quen pode buscar a etiqueta que máis lle rabia lle dea. «Probablemente sexamos rock duro, aínda que esta xira vaia ser un pouco máis punki», sostén Adrián. Ruxe Ruxe e o xeito de facer de Vituco, Nao (por algo Alberte está tamén con Loita Amada) ou os lendarios Túzaros (Rafa dálle lume con Urko) valen coma referencias.