
Santiago acolle hoxe unha nova edición do festival dedicado á súa figura
22 feb 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Rosalía cumpre mañá 188 anos, pero a celebración do aniversario xa comezou e intensifícase coa chegada da fin de semana. Un dos grandes referentes é o festival dedicado á súa figura, que terá a praza de Mazarelos como centro neurálxico e sede da feira de produtos inspirados na súa figura, que estará aberta hoxe de 11 a 14.30 e de 16.30 a 20 horas. Mañá abrirá ás 13.30 horas.
Nesta primeira xornada do festival organizado pola Deputación da Coruña da man do Concello de Santiago a primeira actividade será un pasarrúas rosaliano a cargo de Os Quinquilláns. Xa en Mazarelos, ás 12 horas, celebrarase un obradoiro de regueifa para familias e unha mostra de improvisación que contará con Manolo Maseda e Séchu Sende. Ás 13.45 horas o Coro Encaixe animará a sesión vermú.
Despois, ás 17 horas, será a quenda de Somos pandeireteiras, un proxecto impulsado por Mercedes Peón e conformado polos grupos Raigañas de Cerqueda (Malpica) Xirifeiras (Fene) e a Asoc C. Rosalía de Castro (Padrón). Ás 18.30 horas, Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunes ofrecerán un recital poético, que tamén incluirá a presentación de «Cantares miúdos». Despois, ás 19.30 horas, Paula Mayor, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada por «Rosalía oculta», presentará a obra acompañada por Marcos Calveiro, director de edicións Galaxia. Tras o peche da feira, a cita trasládase ao Principal para o concerto de Tres Pesos (20 horas). Felisa Segade, Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira presentan o proxecto «Cantares e contares».
Pola súa banda, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lerá hoxe un manifesto ás 12 horas no Panteón de Galegos Ilustres. Nesta edición é Marga Val a encargada de redactalo. O acto inclúe unha ofrenda floral, a actuación do coro Solfa, así como a lectura de poemas rosalianos. En Santiago, ademais, preto de 50 establecementos hoteleiros incluirán na súa carta o caldo de gloria.
Precisamente, este prato que aparece detallado na obra de Rosalía foi protagonista onte nos menús escolares de Ames. Hoxe programa unha viaxe á Casa de Rosalía, con paradas en Ortoño e Bastavales —precisaba inscrición previa—. Precisamente, en Bastavales (Brión) está programada esta tarde (17 horas) unha experiencia musical e artística especial na que a soprano noiesa Esperanza Mara tocará diferentes campás ao tempo que cantará nove fragmentos de poemas de Rosalía combinados con cores e datos. Ademais, o Concello de Brión abriu este xoves o Mes de Rosalía coa mostra «Traxes tradicionais de Galicia e falseamento histórico na folclorización: exposición didáctica». Pola súa banda, Rois acolle un concerto da Escola de Música (18 horas, Auditorio); e en Teo actuará Trémola Teatro (11 horas, auditorio Constante Liste).