
A mostra inaugurada onte conta con fondos entre os anos 1785 e 1962 da Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios
06 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.O Arquivo de Galicia inaugurou onte a exposición «Mulleres artistas: aprendendo o oficio» na que reflexiona sobre o acceso da muller á ensinanza artística a partir dos fondos da Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios, que van desde o ano 1785 a 1962.
A exposición inclúe fotografías, regulamentos de funcionamento, informes, láminas e exercicios, entre outras. Entre os documentos, atópanse expedientes para o establecemento dunha escola de nenas nos que se xustifica o interese de que as mulleres aprendan a debuxar para que poidan trasladar ese coñecemento a labores tradicionalmente feminizados, «para que executen con gusto e propiedade os diferentes bordados». Tamén se exhibe unha reprodución da obra «Clase de pintura», de Elvira Santiso. O orixinal formou parte dunha exposición no Museo do Prado.