Cultura incrementa a achega ao Museo do Pobo para posibilitar a ampliación do seu persoal
SANTIAGO

Xunta e institución asinaron un convenio por 501.000 euros para este ano, un 11 % máis que no 2024
14 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Museo do Pobo Galego percibirá 50.000 euros máis que o ano pasado da Xunta de Galicia, pasando a achega de 450.000 a algo máis de 501.000 euros, para contribuír a financiar tanto as súas actividades como o seu gasto de funcionamento en virtude do convenio asinado onte entre o conselleiro de Cultura, José López, e a presidenta do Padroado da institución, Concha Losada. Precisamente, este incremento da achega centrarase nos gastos de funcionamento, unha demanda do Museo do Pobo para poder ampliar o seu cadro de persoal con novas contratacións.
«Agora mesmo, o Museo ten un déficit de persoal moi importante. Conta cun equipo técnico completo en todas as súas áreas, pero moi reducido con relación ao volume de traballo que hai en calquera delas», destacou Concha Losada, engadindo que ese déficit se ve agravado debido a ampliación da actividade a ala sur coa construción da pasarela que une os dous bloques de Bonaval. Para afrontar estas esixencias tamén salientou a importancia da labor de voluntariado.
O conselleiro de Cultura incidiu en que a achega, co seu incremento durante este ano, vai destinada a que o Museo do Pobo «siga sendo esa referencia fundamental na cultura de Galicia», tendo en conta, ademais, que unha parte importante da historia do país está custodiada pola institución. Tanto José López como Concha Losada, xunto ao director do Museo, Lois Ladra, lembraron a ligazón do Museo do Pobo con efemérides e celebracións deste ano, caso do 75 aniversario da morte de Castelao, así como o Día das Letras Galegas en homenaxe ás cantareiras e o recoñecemento a Díaz Pardo polo Día das Artes.
Novas salas
Para o Museo do Pobo, que o ano pasado recibiu máis de 55.000 visitantes, a achega da Xunta «é o máis importante respaldo institucional» para poder cumprir co seu programa e os seus intereses, dixo Losada. Ademais de incrementar persoal, a axuda tamén permitirá darlle continuidade ao relato expositivo da Historia de Galicia coa apertura de novas salas na ala sur de Bonaval. Desde o 2019, lembran desde a Xunta, destinaron máis de 645.000 euros para a museografía, montaxe e mobiliario do proxecto.