Correr dúas veces máis rápido

Jose Alberto Díez SECRETARIO XERAL DE UNIVERSIDADES DE LA XUNTA

SANTIAGO

16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Universidade de Santiago é unha das institucións que máis portas abriu en Galicia ao longo da Historia. Leva cinco séculos funcionando como un fogar de oportunidades, pois son incontables a esta altura os homes e mulleres de todos os estratos sociais que nas súas aulas atoparon camiños de futuro. Logo de cincocentos anos en marcha, salvagarda un patrimonio histórico, cultural e educativo de incalculable valor.

?Son xa máis de 200 os reitores que botaron esta responsabilidade ás súas costas e a persoa que asuma este posto tras Antonio López afrontará novos retos. Poucas institucións están tan sometidas aos cambios sociais como as universidades, obrigadas a ir sempre un paso por diante. Nunca tan rápidos foron e nunca tanto tivo a Universidade que adiantarse a eles.

?Lewis Carroll escribiu na segunda parte de Alicia no País das marabillas que cando un quere chegar a outro lugar non abonda con correr, hai que facelo polo menos dúas veces máis rápido. No caso da USC, isto supón abrirse aínda máis á cidadanía, tanto á hora de captar da sociedade tendencias e ideas innovadoras como na transferencia de coñecemento.

?Tamén cruzar fronteiras, apostando pola internacionalización, unha estratexia na que conta con todo o apoio da Xunta. Xa establecemos as primeiras colaboracións para titulacións conxuntas e compartidas coas universidades arxentinas, que queremos estender a outros países. E no eido da investigación, darémoslle pulo a través da nova Fundación Galtia, coa que queremos traer a Galicia a investigadores de prestixio mundial.

?A USC é un referente en I+D+i, non en balde a metade dos dez centros de investigación máis excelentes, integrados na prestixiosa Rede Cigus, son seus. Con este talento, e o que está por vir, imos darlle á ciencia galega o impulso que precisa grazas ao Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 que vén de aprobar a Xunta. Neste propósito, é imprescindible un papel relevante do Sistema Universitario de Galicia.

?O gran desafío é, con todo, a oferta académica. Nos últimos anos fixemos grandes avances no Mapa de titulacións, adaptando os plans de estudos para formar profesionais altamente cualificados que dean resposta aos retos que xorden no contexto empresarial e social máis cambiante que se teña producido nunca. É necesario manter unha posición proactiva, seguir explorando para atopar os perfís profesionais de futuro e deseñar novas titulacións e, ao tempo, rematar o complexo proceso de dixitalización e adaptación á intelixencia artificial. Só así conseguiremos acadar novos éxitos como o que supón a xa consolidada especialización do Campus Terra de Lugo.

?A USC pode mirar ao futuro con seguridade, co respaldo da Xunta asegurado. Conta cunha base sólida ao abeiro do Plan galego de financiamento universitario, un sistema case único en España que lle permite realizar unha planificación orzamentaria a cinco anos vista e que, neste período, está a supoñer a maior achega económica do Goberno galego ás universidades públicas. Tamén, por primeira vez, dispón dun Plan de infraestruturas para organizar as necesidades en materia de construción e reforma de instalacións ao longo de catro anos.

?Antonio López pecha unha gran etapa na que sacou adiante proxectos tan importantes como a nova Facultade de Farmacia e tivo que facer fronte a varios cursos marcados pola pandemia. Á persoa que o suceda tenderémoslle a man para, xuntos, seguir incrementando a velocidade de cruceiro e chegar aos novos lugares e desafíos que veñan por diante.