Miguel B. Lesta: «Explorar Galicia así é como un CSI, pero en versión tradicional»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Dedicado ás recollidas da tradición oral, di que toda xeración ten algo que contar ás vindeiras: «Sempre se aprende dos maiores»

05 may 2025 . Actualizado a las 21:36 h.

Comezou maio e chegan as Letras Galegas, dedicadas este ano á poesía popular oral. É por aquí por onde acae ben falar de Miguel Barbazán Lesta, Miguel B. Lesta, un mozo de 26 anos que lle está a dar unha nova cara a iso que se vén facendo dende hai moitos anos: recollidas. Nado na Coruña, aínda que veciño de Brión, Barbazán falou en Radio Voz Bergantiños con ocasión da súa intervención nunhas xornadas en Carballo, e deixou claro o seu convencemento de que cada vez hai máis xente nova interesada pola tradición «e un gusto polo noso que é incrible». É raro que un domingo «non vaiamos recoller por aí», di do grupo co que se afana en manter viva a cultura transmitida oralmente.

—Cando e como foi o seu primeiro achegamento á tradición?

—Foi coa Asociación de Mulleres de Urdilde. Empezou miña nai, mercou un disco de Leilía e gustoume tanto que me metín de cabeza. Ata hoxe.

—Integra Cantigas e Agarimos.

—Si, en Santiago, xa hai uns dez anos. Cantamos, bailamos... foi aí onde coñecín os compañeiros cos que agora recompilo tradicións por Galicia adiante.

—Recollida é achegarse a un lugar, unha aldea, preguntar por coplas e cantigas, tradicións, escoitar, gravar... Que o levou a isto?

—Un compañeiro que coñecín en Cantigas e Agarimos. Ensinoume o que eran e descubrín un mundo detrás dos grupos folclóricos. Nestes ensínanche unha peza, dinche de onde é, pero ir ao sitio, explorar Galicia, coñecer xente, que che conten cousas que descoñecías, cousas que se deixaron de facer... É como un CSI, pero en versión tradicional. Fixemos un montón de amigos e amigas de 90 anos!

—Lembra a primeira vez?

—Si! Foi no concello de Brión. Díxenlle ao meu compañeiro que tiña unha veciña á que se lle poñías unha pandeireta na man non paraba. Fomos xunta ela ás catro da tarde e marchamos de noite. Hoxe é case avoa postiza.

—Engancha poñer o dedo no mapa e probar sorte a ver se rascan tesouros? Percorren Galicia, Asturias, León, Portugal...

—É moi emocionante. Para coñecer ben o de aquí está ben ver outras culturas, ver que compartimos, que non, que é de aquí, que veu de fóra.

—Falamos de algo vivo.

—Si, é o que nos gusta resaltar, que isto non está morto. Está xenial homenaxear a xente que morreu hai cen anos, pero tamén hai xente a día de hoxe súper importante e con moito que contar e transmitir. As súas voces non poden quedar no esquecemento, para que ao mellor en dez anos xa non estean.

—As súas recollidas compárteas en redes, é un «influencer» da tradición. Agardaba tal resposta?

—Para nada, empecei porque corría a idea de que xa non quedaba nada por recoller. Quixen demostrar que si, coa idea de facer un único vídeo. Pero a resposta da xente foi interesarse, compartir, pedir máis... Vino unha maneira de que todo iso non quedase só na nosa memoria ou almacenado na casa. É darlle visibilidade e voz a quen nos ensina, devolverlle un pouco do que fan por nós, darlle mérito. Facémolo en Instagram, TikTok ou Facebook, cada rede ten o seu público.

—Queda patrimonio por salvar.

—Claro! Quédannos anos de investigación. Todas as xeracións anteriores teñen cousas que contarlle ás posteriores, sexa ou non cousa de foliadas á luz do candil, sempre hai algo que aprender da xente maior.