A Escola de Música de Ames celebra os seus vinte anos cunha gala no Milladoiro o vindeiro día 24
SANTIAGO

Contará coas actuacións dun combo xuvenil e de antigos alumnos, xunto coa proxección dun vídeo conmemorativo do centro
06 may 2025 . Actualizado a las 05:05 h.A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) celebrará os seus vinte anos de andaina cunha gala musical no pavillón do Milladoiro o vindeiro día 24, a partir das 19.30 horas. Será unha xornada que mesturará actuacións musicais cun combo xuvenil e con antigos alumnos xunto coa proxección dun vídeo conmemorativo cos testemuños de estudantes, profesores e responsables municipais que falarán sobre a evolución da escola desde a súa posta en marcha o 15 de novembro do 2004.
O alcalde e responsable do centro, Blas García, puxo en valor na presentación da gala o traballo da escola nestas dúas décadas, ao tempo que engadiu: «Hai que mirar o futuro para garantir polo menos outros vinte anos máis da EMMA», apostando por modernizar e mellorar algúns apartados da escola. Para este verán comprometeu a mellora do edificio onde se impartan as clases, en Aldea Nova.
A técnica municipal responsable da escola, Almudena Caamaño, subliñou que a gala será o colofón a toda unha serie de actividades que se veñen desenvolvendo desde o pasado novembro, un evento ao que convidou a toda a veciñanza. Pola súa banda a directora da EMMA, Pilar Martínez, manifestou o orgullo por chegar aos vinte anos de traballo: «Nesta gala queremos celebralo con todas as persoas que puxeron o seu gran de area e fixeron que chegase ata a actualidade».