Uns 1.400 escolares tomarán as rúas de Santiago mañá pola lingua, no 25 aniversario do Correlingua

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Imaxe da carreira escolar pola lingua do ano 2023
Imaxe da carreira escolar pola lingua do ano 2023 PACO RODRÍGUEZ

A celebración obrigará a cortar varias rúas do entorno do casco histórico

07 may 2025 . Actualizado a las 19:51 h.

Uns 1.400 escolares de dezasete centros educativos de Primaria e Secundaria da comarca tomarán as rúas de Santiago mañá xoves nunha nova edición da carreira Correlingua, que cumpre vinte e cinco anos de vida animando aos máis novos a facer uso da lingua galega. A iniciativa, que recorre varias cidades e vilas galegas durante ese mes de maio, recala mañá en Compostela para levar ás rúas da capital a festa pola lingua entre os escolares.

A carreira sairá ás 11 da Alameda con dous recorridos distintos, en función das etapas educativas dos participantes, que van dende infantil a cuarto da ESO, segundo o programa que onte presentaron en Raxoi a alcaldesa, Goretti Sanmartín; María Buño, de Correlingua Compostela; e Rubén Monteagudo, en representación de CIG-Ensino, que colabora na actividade a nivel galego xunto coa Mesa de Normalización Lingüística e a AS-PG (Asociación Sociopedagóxica de Galicia). A iniciativa conta ademais co patrocinio das deputacións provinciais e dos concellos das sete grandes cidades galegas.

Baixo o lema «Mocidade activa, por unha lingua viva», o Correlingua reivindica de xeito festivo o dereito ao uso da lingua propia entre as xeracións máis novas, unha festa na que está implicada a comunidade educativa e as localidades onde se celebra, segundo expuxeron na presentación de onte en Raxoi, onde a alcaldesa subliñou que unha carreira é unha forma «magnífica de unir a defensa da lingua cun elemento de saúde e de sentirse ben».

Goretti Sanmartín reparou na data de onte, porque un día como o de onte, o 6 de maio de 1931, recordaba, o Seminario de Estudos Galegos presentaba o seu anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, que demandaba a cooficialidade do galego e o castelán e o seu uso na universidade, ademais de pór a idea de que as persoas con cargos públicos debían ter a obriga de coñecer o galego, dixo a alcaldesa. A rexedora destacou tamén as «boas porcentaxes» do uso do galego que «afortunadamente continúa tendo Santiago respecto do que coñecemos do conxunto do país e doutros ámbitos urbanos», apuntando que a capital pode «ser un exemplo no medio dun contexto difícil pola situación da nosa lingua».

Monteagudo sinalou o reto que 25 anos despois é continuar animando ao uso do galego co Correlingua, pero tamén coas actividades que se desenvolven no eido educativo o resto do ano. E convidou aos composteláns, xunto coa alcaldesa e María Buño, a saír á rúa a recibir aos rapaces participantes e animalos nesta actividade de promoción de uso da lingua entre os máis novos. Dos 17 centros da comarca que participan este ano nesta reivindicación, once son do termo de Santiago.

Ao remate da carreira entregaranse libros de agasallos para actividades paralelas á carreira, para dar conta das mellores pancartas e ideas de animación alusiva ao uso da lingua. Os libros achéganse á celebración por cortesía das librarías compostelás Follas Novas, Couceiro, Pedreira e Lila de Lilith e da editora Alvarellos. A carreira obrigará a cortar diversas rúas da cidade no entorno do casco histórico durante a mañá.