
Santiago acollerá un concerto de corais e Teo, de grupos de pandereteiras
16 may 2025 . Actualizado a las 22:32 h.As cantareiras xa soan alto no día previo as Letras Galegas a través de actividades que van desde concertos a espectáculos de teatro, sen esquecer as publicacións.
O Concello de Santiago celebra a data cun concerto protagonizado por cinco corais compostelás: Ponte Mantible, Amigos do Castiñeiriño, Asubío, Crecente de Voces Graves e Solfa. Será a partir das 20 horas no Teatro Principal con entrada libre. Non será a única música que se escoite na capital galega en tributo ás cantareiras. A partir das 19 horas, no auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, será a quenda de Abril, un proxecto de Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) no que melodías tradicionais galegas e ibéricas se adaptan a sonoridades actuais. Pola mañá, inaugurarase unha exposición dedicada as cantareiras.
Tamén haberá música en Teo cun festival de grupos de pandeireteira (20 horas, auditorio Constante Liste). Participarán os grupos SR Calo, A Pontevella, O Tileiro, A Carrabouxa, AC Rosalía de Castro e Cruceiro do Monte.
Pola súa banda, na biblioteca Ánxel Casal haberá hoxe unha dobre proposta. A partir das 18.30 horas, haberá un roteiro que repasa a historia e as persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas con especial atención ás persoas e obras relacionadas con Santiago. Para participar pódese retirar o convite desde media hora antes na propia biblioteca.
Tamén ás 18.30 horas, comezará o espectáculo escénico «Dende Rosalía ata as cantareiras: as mulleres nas Letras».
Por outra banda, a Universidade de Santiago tamén celebra hoxe o Día das Letras coa presentación da publicación «Canta ti, cantarei eu». Ademais, neste acto que comezará ás 12 horas no Salón Nobre de Fonseca, estará amenizado por polo grupo musical Ferreñas Ceibes. Os libros tamén serán protagonistas no centro comercial El Corte Inglés, onde ás 19 horas, na librería, asinará exemplares a poeta Rosalía Morlán.
Pola súa banda, en Brión programaron a entrega da sétima edición do Premio Laudomuco a Julio Fernández Peláez e a Alberto de Casso Basterrea por «Vento mareiro non dá voltas». Por outra parte, o día 17 non faltará a actividade. En Melide, ás 17 horas, a ofrenda floral que organiza o museo comarcal en homenaxe aos ilustres das letras melidenses trasladase desta volta ao cemiterio parroquial dos Ánxeles para facer o propio en recordo a título póstumo de Ermitas Varela, cantareira e pandeireteira e nai dos irmáns Garceiras, como así se lle coñeceu, a mediados do século pasado, ao grupo local de gaitas que levou a música tradicional galega por toda España.
En Toques, o festival Lingua Folk organizado polo Concello celebra este sábado, durante toda a xornada, o seu décimo aniversario cun cartel que reúne a unha ducia de formacións de música tradicional, xunto a Xascariz, Alana e Tiruleque. Haberá xantar popular, expositores de artesanía e colchóns de saltar para os cativos da casa. Padrón tamén acollerá mañá ás 20 horas, no auditorio municipal, un concerto con motivo das Letras organizado pola Coral Polifónica Padronesa da Sociedade Cultural Padronesa.