Manuel Amenedo: «A miña paixón de neno foi o tren e hoxe axudo a facelo crecer en Francia»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O santiagués é o responsable de proxectos e investimentos para a chegada da alta velocidade e do tren de proximidade na estación francesa de Toulouse. Antes, en Lyon, montara un centro de xestión operacional nunha estación central: «O día da posta en marcha, houbo que probar a megafonía. Fíxeno eu, en galego... Anunciaba un tren, ficticio, que saía cara Santiago», lembra ilusionado

19 may 2025 . Actualizado a las 12:57 h.

Nada máis chegar ao seu Santiago natal, muda o francés no que, admite, xa case pensa, polo galego. Unha lingua na que, sorrindo, se reafirma como un «compostelán de toda a vida». «Os meus avós maternos tiñan nos anos 80, na rúa Frei Rosendo Salvado, o bar L. Suso, coñecido entre os estudantes. Miña bisavoa paterna, despois de que no 36 asasinasen ao seu marido, mestre, vén a Santiago con cinco fillos e abre na Acibechería un ultramarinos e unha pensión. Por esa rama, o meu avó montou no Cantón de San Bieito, no local do actual pub Avante, un almacén de paquetería. Lémbrome de neno xogando aí. Cos anos fomos vivir a Pontecesures porque meu pai, ao igual que xa o foran ese bisavó e unha avoa, era mestre», acentúa con orgullo Manuel Amenedo Otero, de 46 anos. «Aínda así, volviamos a Santiago constantemente, e sempre grazas ao tren», subliña sobre un modo de transporte que marcou a súa vida.

Enxeñeiro de Camiños e enxeñeiro técnico de Obras Públicas, a súa traxectoria nos transportes comezou en Santiago, como bolseiro en Tussa, saltando cos anos a unha consultora en Madrid, en estudos de tráfico e mobilidade, á firma adxudicataria do concello de A Coruña no eido da xestión de tráfico e á Consellería de Política Territorial, en Pontevedra. Nesa etapa colabora coa plataforma Salva o tren, que buscaba sensibilizar sobre a perda dos servizos ferroviarios rexionais en Galicia e reivindicar o desenvolvemento dunha rede de proximidade. «O peche da estación de Portas no 2008 foi o noso acicate. Mobilizamos á xente; entrevistámonos en Fomento; abrimos debate.... Coido que en parte por iso se repensou o futuro dalgunha estación, como a da Matanza, en Padrón. Aínda hoxe, creo noutro Eixo Atlántico ferroviario, que responda ás necesidades de máis poboación», asente.

XOAN A. SOLER

«No 2012, e co impulso da Alianza Francesa de Santiago, busco perfeccionar o idioma en Francia. Estando alí, un estudo que fixera para Salva o tren —Un siglo de abandono del ferrocarril en Galicia—, axudoume cando puiden optar a un posto na SNCF, o administrador de infraestruturas ferroviarias francés. Comecei como condutor de operacións en Rouen, en Normandía, onde desenvolvín investimentos en estacións —''nalgunha obra mesmo atopáronse vestixios da II Guerra''— e traballei na mellora das relacións de intermodalidade na rexión. Nun país tan centralizado como Francia, as competencias en transporte ferroviario están na administración máis próxima, nas rexións... O meu primeiro cometido foi reabrir dúas estacións que estiveran anos pechadas ao tráfico», contrapón sen deixar de pensar en Galicia.

«No 2017 trasládanme, xa como director de Proxectos, a Lyon. Alí acometín a proxección e posta en servizo dun centro de xestión operacional nunha estación tan central como a de Lyon-Part-Dieu. Lembro os aplausos na noite da súa posta en marcha ao ver que o primeiro TGV saía en hora. Antes houbera que facer unha proba de megafonía. Fíxena eu, en galego. Anunciaba un tren, ficticio, de Lyon cara a Santiago», evoca.

«Dende o 2023, e xa en Toulouse, preparo os investimentos para a chegada do plan de desenvolvemento metropolitano, tanto da alta velocidade no seu último treito, como do tren de proximidade... Fago alí o que me gustaría ver aquí», realza. «Creo que a liña Santiago-Vilagarcía, polas súas características, debería ser o xerme da primeira experiencia de proximidade en Galicia», prosegue con férrea convicción.

«Veño dun país onde nas áreas metropolitanas trabállase na integración tarifaria, en horarios coordinados. Cun só tique colles un bus, un tren... Sería importante ter un consorcio único do Eixo Atlántico cunha visión completa da mobilidade», engade. «Alí as firmas procuran a accesibilidade dos traballadores en transporte público. Eu non teño coche», sinala, confesándose, pese á morriña, feliz. «O tren era a miña paixón de neno e axudo a facelo crecer en Francia. Sigo tamén, pola familia, outra vocación... Todos os xoves vou a un barrio difícil de Toulouse a dar clases de apoio a nenos», destaca.

«Moita xente pregúntame como vén a Santiago e eu aclaro que antes se podía coa conexión ferroviaria dende Hendaya, pero se quitou», lamenta, admitindo estar ao tanto de todo o que sucede aquí. «Do tren, si», resalta rindo.