
A súa vida está ligada á bicicleta, primeiro como corredor e agora como recoñecido mecánico no seu taller, que tamén é punto de encontro de afeccionados
03 jun 2025 . Actualizado a las 12:34 h.Con 19 anos, unha caída con graves consecuencias cortou a carreira ciclista de Mario Castro Solla, veciño de Extramundi, en Padrón, cando deu o salto á categoría de afeccionados e pasou a competir no equipo do que era o seu ídolo, Suso Blanco Villar. Á bicicleta subiuse por primeira vez cuns nove anos e, salvo unha longa tempada posterior á caída, xa non volveu a baixar dela, de modo que agora, con 57 anos, compite na modalidade de ciclocross. Unha afección e unha paixón que transmitiu aos seus fillos e mesmo ao seu neto, de dous anos.
—Toda unha vida vinculada a este deporte. Como se iniciou nel?
—Por meu pai, ao que lle gustaba o ciclismo porque andaba cos irmáns Angueira e con nove anos sacoume a licenza do Club Ciclista Padronés. A primeira bicicleta que tiven foi unha que era de Alfredo Angueira e quedábame moi grande. Pouco despois Blanco Villar, que xa era o meu ídolo porque o gañaba todo, empezou a saír coa miña irmá e aí o ciclismo xa me enganchou de todo. Pasei por tódalas categorías ata afeccionado e fun un moi bo ciclista, pero a caída cortoume a carreira.
—Como pasou de corredor a mecánico?
—Con 21 anos, cando aínda non podía andar en bicicleta pola caída que tivera, Blanco Villar propuxo abrir a tenda. Foi nunha época na que se vendían moitas bicicletas. Miña irmá estaba na tenda, de cara ao público, e eu no taller. Alí estiven 33 anos e hai tres abrín o meu propio taller, A de Mario, aquí en Extramundi.
—Dende o taller, ve pasar moitos ciclistas?
—Si porque esta estrada é o berce do ciclismo; pasan continuamente e máis nas fins de semana.
—Padrón e comarca, son unha boa zona para practicar o ciclismo?
—Si. Estamos nunha zona privilexiada para o ciclismo. Dende aquí podes saír a rodar a zonas chans como Vilagarcía, pero tamén a subidas como Augasantas.
—Segue a ser unha terra de afeccionados?
—Sempre o foi e agora moito máis co apoio de Cortizo. Iso está atraendo a moitos chavales. Eu recomendo meter aos rapaces no ciclismo porque iso é sacalos de vicios. É o mellor que hai con dez ou once anos, porque nese ambiente é raro que collan vicios.
—As bicicletas, cambiaron moito?
—Si, os cambios foron moi grandes. Por exemplo, o paso a pedais automáticos; o cambio na maneta; os desenrolos; o tipo de rodas e os cadros, de aceiro a aluminio e agora a carbono, cun peso moito máis lixeiro.
—Con tantos cambios, era máis duro o ciclismo de antes?
—Moito máis, de verdade. Co desenrolo que teñen agora as bicicletas, soben as costas asubiando. As bicicletas de agora e a alimentación fan moito máis fácil a práctica do deporte. Antes era a base de peito, pan e a auga.
—Aparte de mecánico, tamén restaura. Aínda queda moita bicicleta antiga?
—Queda, queda; están agochadas, pero aínda hai bicicletas dos avós. Restaurar encántame, pero come moito tempo. Cando me xubile, gustaríame dedicarme a iso como afección.
—A súa é unha vida dedicada á bicicleta.
—Totalmente. Foi e seguirá sendo, mentres o corpo mo permita. Morrerei montado nunha bicicleta.
Mario Castro leva toda a súa vida ligado á bicicleta, agora como mecánico no seu propio taller, anexo a súa casa en Extramundi de Arriba.
«As novas bicicletas e a alimentación fan moito máis fácil a práctica deste deporte»
«Estamos nunha zona privilexiada para saír a rodar en zonas chans ou en subidas»
Mario Castro Ciclista e mecánico