Gumersindo Guinarte, portavoz municipal do PSOE: «A este goberno faltoulle vontade de diálogo»
SANTIAGO

Dá por superada a fonda crise do grupo e conta con recuperar o seu electorado
31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Gumersindo Guinarte (Forcarei, 1961) vén de asumir recentemente a portavocía do PSOE no Concello logo dunha crise que acabou coa ruptura do grupo municipal trala expulsión de catro dos seus edís. Iso deixou o partido con só dous concelleiros, a representación máis baixa da formación que chegou a gobernar a cidade durante sete mandatos.
—O PSOE acaba de consumar a ruptura logo dun ano de discordias, pero a cidadanía non acaba de entender o que pasou.
—Eu confío en que si, e o irá entendendo. Os seis que inicialmente integramos o grupo municipal fomos elixidos nunha lista pechada, e nun momento dado algúns entendían ou actuaban de xeito que, digamos, a súa representación estivese á marxe das decisións do propio partido. Outros entendemos que iso non podía ser, que non tiña sentido ser representantes do PSOE e non estar coordenados co partido e non levar ao Concello a súa estratexia. Entendo que un poida discrepar da liña política do partido, pero se a discrepancia é tan fonda que dificulta que un se poida sentir representante, o que ten que facer, creo, é marchar para a casa. E os meus excompañeiros saben que cando se deu este conflito dixen que a miña alternativa era ou quedar no grupo socialista ou marchar para a casa. Creo que son as dúas únicas alternativas lóxicas, razoables e defendibles.
—O pulso dos expulsados segue nos tribunais. Ata que punto lles pode pasar factura esta situación?
—Non o sei. Sinceramente, quero mirar cara adiante. Para min ese é un capítulo pechado. Esta é e foi unha situación triste, dolorosa, incluso no persoal, nalgún caso moi dolorosa, pero hai que pasar páxina e non creo que nos pase máis factura. Aí están os resultados da enquisa de Sondaxe.
—Si, non evidencia un desgaste excesivo, pero seguen en retroceso.
—Si, pero na situación na que estamos, cun longo período de dificultades evidentes, na que o grupo municipal non tivo un voceiro recoñecido polo partido e sen candidato para as vindeiras eleccións, a diferenza dos outros grupos, creo que aguantamos bastante ben e estamos en condicións de recuperar os nosos votantes. Somos o partido ao que máis persoas das que lle votaron están agora como indecisas. O que temos é que traballar e traballar, preparar un bo proxecto para o 2027 e presentar un bo candidato/a para recuperar toda a confianza e incluso máis que a das últimas eleccións.
—E aspira a ser candidato?
—Non aspiro agora mesmo. O candidato ten que decidilo o partido. Santiago é a capital e, despois desta situación de dificultade, estou seguro de que o partido e os seus órganos serán capaces e terán a intelixencia necesaria para elixir o mellor candidato ou candidata.
—Vostede e Marta Abal rematarán o mandato ou segue viva a idea de que o secretario local do partido poida entrar en Raxoi?
—A min ninguén me presionou nin me pediu para que abandonase o Concello antes de finalizar o mandato. Se acaso iso puido estar na miña idea. Antes dicía que barallaba dúas opcións, que era ou quedar no grupo ou marchar para a casa, volver integramente á miña actividade profesional, e non valoro agora mesmo que esa situación se vaia producir.
—Cal é a estratexia agora para tratar de remontar?
—Volver establecer unha conexión fluída e permanente co tecido social e veciñal para facernos eco dos seus problemas e demandas, como oposición que somos, e para ir construíndo en base a todo iso unha proposta alternativa para as eleccións do 27. E falo dunha oposición construtiva, non da oposición por oposición do PP.
—A solución a esta crise empanou as relacións do PSOE co goberno. Condicionará iso a súa dispoñibilidade para chegar a acordos?
—Ese proceso foi excesivamente longo e iso tensionou un pouco momentaneamente esas relacións. Pero estamos nunha permanente disposición de diálogo, pero iso require escoitar as nosas propostas e negociar con nós as do goberno.
—Como ve a xestión de Sanmartín no ecuador do mandato?
—Ao goberno faltoulle vontade de diálogo. Ata agora funcionou por inercia, con actuacións programadas no mandato anterior, con algunha excepción pequena. Pero, sobre todo, faltoulle vontade de diálogo ou diálogo suficiente, e é un goberno que ten unha minoría evidente na corporación e que, por tanto, necesita dialogar, dialogar e dialogar. E non só en Raxoi, moitas veces tamén cos sectores económicos e sociais afectados, como agora o da taxa turística.