
O mercado, que inclúe 21 montaxes ás que pode asistir público, comezou onte e remata xoves
03 jun 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A duodécima edición do mercado Galicia Escena PRO levantou o pano onte en Santiago reunindo a 225 profesionais do ámbito da programación, distribución e produción de espectáculos de artes escénicas. A cita, orientada cara aos profesionais, tamén supón un atractivo para o público xeral xa que programou 21 funcións de teatro, circo e danza ás que pode asistir quen queira segundo a dispoñibilidade dos recintos previa retirada dos convites (máximo dous por persoa) na oficina de coordinación da feira, que está situada no Museo das Peregrinacións (9 a 14 horas e de 16 a 19 horas).
Seis propostas hoxe
O público poderá asistir hoxe a seis representacións. Pola mañá chegará o espectáculo familiar «Bulebule», de Os Naúfragos Teatro (11 horas, Teatro Principal); e «Todo lo posible», unha proposta de circo contemporáneo galardoada este ano co Premio Talía a cargo de Nueveuno (12 horas, Auditorio Abanca).
Xa pola tarde, Morraoconto ofrecerá a súa viaxe épica polos mares do norte, «Tromsø» (16.30 horas, Salón Teatro). Despois a cita é ao aire libre (18.30 horas, Praza da Quintana) con «Honest» do valenciano Kilko López e coa última entrega dunha triloxía en base a personaxe de Rogelio a cargo de As Sircópatas. O peche será con «O proceso», de Malasombra (20 horas, Principal). Trátase dunha peza dirixida por Cándido Pazó baseada na denuncia do bispo de Ourense a Curros Enríguez por uns poemas.
O conselleiro de Cultura, José López, destacou Escena Pro —organizado pola Xunta e Escena Galega— como un escaparate para promocionar a calidade dos espectáculos galegos.